O Salón de Actos do Concello de Baiona acolleu este venres o acto de entrega da distinción honorífica de “Filla Adoptiva” a título póstumo a Pilar Pulgar Fraile, dentro dos actos da Festa da Arribada. A concelleira de Cultura de Palos de la Frontera, Teresa García, recolleu o recoñecemento de mans do alcalde, Ángel Rodal.
A Corporación Municipal de Baiona, desde hai uns anos atrás, vén distinguindo publicamente e recoñecendo a traxectoria profesional e persoal de persoas que sen ser naturais da Vila, destaquen polas súas actuacións extraordinarias, e os seus méritos singulares en favor de Baiona.
Pilar Pulgar Fraile naceu no pobo asturiano de Moreda de Aller no ano 1930. Economista, intendente Mercantil, profesora de Ciencias Empresariais no Colexio Universitario da Rábida e directora Administrativa en Caracas (Venezuela) do “Corpo de Paz” fundado pola Administración de John F. Kennedy.
Foi alcaldesa de Palos de la Frontera, deputada provincial, deputada autonómica, deputada do Congreso por Huelva, foi nomeada polo Consello de Europa Observadora nas eleccións de Albania, Eslovenia, Letonia, Armenia, Ucraína e Croacia, membro da Delegación Española ante a Asemblea da Unión Europea Occidental con sede en París e membro e presidenta de multitude de Comisións e Relatorios.
Ao longo do que foi a súa dilatada e frutífera carreira política e pública, recibiu numerosos recoñecementos e méritos: a Gran Cruz do Mérito Naval de Primeira Clase, a Gran Cruz do Mérito Aeronáutico de Primeira Clase, Filla Adoptiva de Palos e Premio Martín Alonso Pinzón aos Valores Constitucionais, entre outros moitos.
O 26 de novembro de 1975 converteuse na primeira alcaldesa da Democracia. Nas primeiras eleccións de 1979 conseguiu 11 dos 13 concelleiros do Concello. Presentouse coa Agrupación Electoral Independente de Palos e logrou un escano como deputada independente na Deputación Provincial de Huelva. Volveu ser alcaldesa en dúas lexislaturas máis, alcanzando sempre a maioría absoluta.
Desde os seus primeiros momentos como alcaldesa de Palos de la Frontera, fai mostras do seu gran carisma, e imprime un aire renovador e un talante na forma de gobernar, na atención e achegamento aos veciños, estilo que impregnará a todo o pobo e deixará unha profunda pegada na localidade.
No ano 1975 Baiona se irmá con Palos sendo alcalde por aquel entón Urbano Cortegano. Meses despois, Pilar Pulgar xa como alcaldesa recolle a testemuña e potencia con gran mestría e afán as relacións de irmandamento entre ambas as dúas municipalidades nos anos sucesivos.
Apadriñou todos os actos institucionais celebrados en Baiona con motivo da celebración do V Centenario do Descubrimento de América e da Arribada, potenciou as relacións de irmandamento e fomentou actuacións de intercambio cultural, social e educativo, e participou e presidiu en Baiona actos moi significativos como a colocación da primeira pedra e inauguración do monumento Encontro entre Dous Mundos, ou a bendición da quilla da Carabela Pinta e o acto da chegada da réplica.











