Dúas vitorias e tres derrotas na cuarta xornada de liga para o Xadrez Laroca

Sorte dispar na cuarta xornada da liga galega de xadrez para o Club Laroca de Nigrán. Na primeira división vitoria para o equipo do Laroca A por 3-1 ante o equipo vigués do Villa de Bouzas, puntos conseguidos grazas ás vitorias de Mireya e Fran Rego e as táboas de Tino e Sergio. Con esta vitoria os laroqueiros sitúanse na quinta posición da clasificación. O próximo sábado desprazaranse a Cangas para enfrontarse o equipo do Chigorin.

Na segunda división mala xornada para os nigraneses, xa que ningún dos dous representantes nesta categoría puido alcanzar a vitoria. O Laroca B perdeu o seu encontro celebrado en Cotros ante o Mos A por 1.5-2.5, puntos conseguidos por unhas táboas de Dani Vaz e a vitoria de Rafa Simoes, con derrotas de Patricio e Araujo. A próxima xornada volverán xogar na casa ante o Xadrez Albatros B. Pola súa parte, o Laroca C perdeu en Vilagarcía ante o CXF-Deportes Rodas, por 2.5-1.5, puntos acadados grazas ás táboas de Artai e a vitoria de Carlos Grobas, con derrotas de Chema e Jorge. Con estes resultados o Laroca C sitúase no terceiro posto polo 10 do Laroca B. O vindeiro fin de sema o Laroca C tamén xogará en Nigrán ante o Xadrez Mos B.

Na terceira división sorte dispar xa que mentres o Laroca Mallón perdía en Cotros por 1-3 ante os ponteareáns de Xadrez Ramiro Sabell Movialia, con vitoria de Guillermo Cousido, o Laroca IES Auga da Laxe impúñase por 1.5-2.5 ao Xadrez Ramiro Sabell Centro Artístico Sportivo, puntos conseguidos coas táboas de Ana e as vitorias de Laura e Osian e derrota de José Manuel. Con estes resultados o Xadrez Mallón ocupa a decima posición mentres o IES Auga da Laxe mantén a segunda posición da táboa clasificatoria. A vindeira xornada os de Mallón desprazaranse á Guarda para enfrontarse ao Xadrez Albatros C mentres que o outro representante xogará en Cotros ante o líder da categoría, Xadrez Altamira.

Por outra parte este domingo no IES Auga da Laxe de Gondomar celebrarase a partir das cinco da tarde a segunda rolda da liga de cuarta división Pontevedra Sur.