26 fotos presentadas ao concurso “Gondomar, un banco para o mundo”

A Concellería de Comercio e Turismo de Gondomar agradece o elevado número de fotos presentadas, 26 en total. Todas elas en lugares fermosos ou de panorámicas espectaculares do concello, merencentes de ser identificados e promocionados. Pero finalmente, o xurado composto polo arquitecto Antonio Soliño, o directivo do IEM Xilberte Manso e o fotógrafo Juan Chamorro, decidiu acoutar a 10 o número total de fotografías que pasan á fase de valoración popular, mediante voto telemático.

Deste xeito decidirase o lugar onde Gondomar coloca un banco para o mundo, emprazamento onde as vistas panorámicas do concello , do Val Miñor ou da costa inviten a repousar, a deter o tempo, a sentarse para contemplar sen reloxo o espectacular panorama que se presenta diante dos nosos ollos. Algunhas fotos corresponden ao mesmo lugar, por tanto, os votos recibidos por cada foto dun mesmo lugar, serán sumados e computados para ese emprazamento.

Haberá dúas modalidades de premios: un para a fotografía gañadora, e outro para sorteo entre os votantes. O premio é intransferible e consistirá na entrega dun diploma acreditativo, e unha cea para dúas persoas nun restaurante de Gondomar para a fotografía que máis votos acumule e outro, consistente nun teléfono móbil a sortear entre todos os participantes que emitan votos telemáticos.

As fotografías presentadas foron sacadas desde as seguintes parroquias: Borreiros, Couso, Donas, Mañufe, Morgadáns, Peitieiros e Vincios. A votación no concurso “Gondomar, un banco para o mundo” xa está activa, pódese participar entrando no seguinte enlace https://pr.easypromosapp.com/promotions/821151.