Unha escultura de David Leirós lembra aos heroes que loitaron contra os incendios en Gondomar

Gondomar inaugurou este domingo a escultura realizada por David Leirós Araujo, un monumento que lembrará os duros momentos vividos o pasado mes de outubro, cando o municipio sufriu unha vaga de incendios. Reflicte tamén a importancia desa colaboración cidadá e das autoridades que se implicaron para salvagardar un dos bens máis prezados da localidade, os seus montes.

A escultura, de seis metros de altura, xorde do tronco dun cedro que o temporal abateu no mes de febreiro do pasado ano na Praza Paradela. Trátase do primeiro traballo en escultura pública do seu autor. “Non só espero estar á altura del, senón tamén da miña mente, pois só así demostrarei o que fixen, o que fago e o que farei sempre”.

“Todo empeza coa oportunidade que me brindou o Concello de poder plasmar unha parte de min nun material tan puro e á vez tan delicado, como puidemos todos comprobar nos incendios. A escultura representa así un momento da miña vida, a tolemia do ser humano, a procura incesante de avanzar aínda que iso leve perderse, a colaboración, o rescate, a solidariedade no seu conxunto”, sinalou David.

En palabras do autor, trátase dunha obra viva e inacabada que forma parte dun proceso o cal é a vida de Leara (o seu nome artístico). “Para min tamén representa un xogo, un xogo da miña mente, onde prevalece a improvisación e o importante en si non é a escultura, senón o proceso creativo”.

Finalmente, resaltou que “me sinto moi orgulloso de que a miña obra sirva para honrar a todos aqueles que de maneira solidaria e altruísta colaboraron na extinción dos incendios, dentro dos cales me inclúo, porque fun un máis neses momentos, deixando así unha parte deste momento nesta escultura”.

O sinxelo pero sentido acto contou coa presenza do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o Presidente da Cámara de Gondomar de Portugal, Marco Martín, e representantes da Garda Civil, Policía Nacional, Policías Locais, Protección Civil, GES do Val Miñor e Bombeiros.

Durante a súa intervención, Carmela Silva destacou que se trata de “unha obra de arte espectacular” feita por “un novo artista e creador”. A presidenta provincial mostrouse “sorprendida, admirada e emocionada”. “Chega ao corazón todo o que pode expresar esta obra. Hai moito talento en Galicia e en Pontevedra”.

Silva lembrou especialmente o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que “saíron á rúa para moito máis do que representan, arriscando a súa vida para defender o máis grande que temos, a nosa natureza e os nosos montes”. Non se esqueceu de “o máis grande daquel día”, os veciños e veciñas que, xuntos, defenderon os montes e as súas casas.

Pola súa banda, Paco Ferreira, destacou o traballo de David Leirós, que altruistamente dedicou dous meses á elaboración da escultura. “Logo pasou o dos incendios e quixemos concadenar unha cousa coa outra, e ter un recoñecemento moi explícito con todos os voluntarios, con toda esa xente que saíu á rúa durante 48 horas sen descanso, apagando o lume e mesmo correndo risco a propia integridade física de moitos de nós”.

“O máis importante é o exemplo que demos cara ao mundo, que somos un gran país e unha gran sociedade, que se queremos traballar unidos e esquecemos de moitos prexuízos, en lugar de romper, temos moito futuro”, concluíu Ferreira.

Ao finalizar o acto, que contou ademais coa actuación do dúo de violíns formado por Alma Giráldez e Mauro Portela, do Conservatorio de Tui, que interpretaron tres pezas de Johann Sebastian Bach, descubriuse unha placa na que se pode ler: “Coa mirada no horizonte, Gondomar, mar e terra, historia e futuro, en homenaxe ao voluntariado vencedor dos incendios de outubro de 2017. Gondomar, febreiro de 2018”.