O Pavillón Municipal de Teis en Vigo acolleu este sábado o Campionato Galego de Loitas Olímpicas nas categorías júnior e escolar. O Club de Loita Sabarís conseguiu o primeiro posto por equipos na categoría escolar, na modalidade de Loita Grecorromana, e o segundo na categoría júnior, tanto na modalidade de Loita Libre Olímpica como na de Loita Grecorromana.
O club baionés, dirixido por Juan López, obtivo un total de 13 medallas, seis delas de ouro, catro de prata e tres de bronce. Anxo Uzal en 61 kg e Omar Rodríguez en 74 kg fixéronse con dúas medallas de ouro cada un, proclamándose campións galegos júnior nas dúas modalidades. Tamén en júnior, Cristian Suárez conseguiu dúas medallas de prata e David González unha medalla de prata e outra de bronce.
Na categoría escolar, Beltrán Freire en 49 kg e Anxo Lomba en 34 kg proclamáronse campións galegos cunha medalla de ouro cada un en Loita Libre Olímpica. Lomba conseguiu ademais a medalla de prata en Loita Grecorromana. Finalmente, Lois Cabrera levou a medalla de bronce en ambas as dúas modalidades.
Hai que destacar que Omar Rodríguez volveu competir un ano despois, levándose o campionato, mentres que Diego Otero, actual campión de España, non puido participar por unha escordadura de xeonllo.
A competición autonómica estivo organizada polo Club San Ignacio de Vigo, contando coa participación dos mellores deportistas galegos das catro provincias, representando aos 15 mellores clubs. Os novos campións galegos participarán nas citas nacionais do mesmo grupo de idade.

