O Partido Comunista lanza a súa proposta “Por un Val Miñor máis humano”

O Partido Comunista de Galicia do Val Miñor, lanza a súa proposta “Por un Val Miñor máis humano” para a súa discusión na cidadanía en xeral. As súas alternativas veñen estruturadas en catro documentos diferenciados: medio ambiente, cultura e deporte, mocidade e transporte.

As propostas destes documentos van desde a creación dunha empresa pública de xeración de enerxía a partir da biomasa dos montes veciñais, pasando por un Centro Artístico/Cultural do Val Miñor, unha verdadeira Casa da Xuventude autoxestionada pola mocidade, deica a posibilidade de recuperar o tranvía que unía Baiona, Gondomar e Nigrán con Vigo.

Para fomentar o debate destas propostas, nas vindeiras semanas colgaranse os documentos na páxina web do Partido e se concertarán reunións de presentación e explicación das mesmas coas diversas candidaturas da esquerda transformadora dos tres Concellos do Val Miñor.