Anuncios
Ticker de novas

Nigrán despide ao Kiko

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Enterro do Kiko.

O Enterro do Kiko puxo fin este sábado ás actividades do Entroido en Nigrán. O Kiko, que permanecía exposto no Auditorio Municipal desde o 10 de febreiro, percorreu o centro do municipio nun carro de bois, acompañado da música tradicional do Grupo Breogán Valle Miñor e das comparsas “Caníbales”, “Abran Xogo”, “Chegou, viu e venceu” e “Fantaxeando”.

Seguidamente, xa en Parada e tras a actuación da charanga “Vaite Xa”, o Kiko foi velado para a continuación, ser trasladado polo cortexo fúnebre para a lectura do pregón e a súa queima, con fogos artificiais incluídos.

O goberno local consolida deste xeito unha celebración con gran arraigamento na parroquia e que fai tres anos decidiu potenciar co percorrido desde o Concello grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Esta peculiar celebración naceu como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia de Parada non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis aló do interese local.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios