Anuncios
Ticker de novas

Castro e Ladeira habilita unha caixa de correos para que os veciños propoñan ideas para Sabarís

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís quere que os veciños se involucren e participen de cara a novos proxectos e presupostos. “Temos coñecemento de que o Concello vai recibir máis de 900.000€ do Plan de Concellos e queremos saber o que desexa a veciñanza”, sinala Martín Otero, presidente do colectivo.

Para tal efecto, apunta Martín, “pomos a disposición de todos os habitantes a nosa caixa de correo. Queremos recibir un sen fin de ideas para Sabarís, queremos saber que é o que pensa a xente. Fai tempo que o concello rexeita todo o que lle presentamos, por iso facemos isto, igual estamos equivocados e non nos estamos a dar conta. Querémolo comprobar”.

Dita caixa de correos está situada no Edificio dos Mestres, ao lado da Praza de Abastos de Sabarís, na sede do colectivo veciñal.

Fai un mes, Castro e Ladeira mantivo unha xuntanza co Alcalde de cara a un proxecto futuro da instalación dun Parque Biosaudable pero tamén se tratou o orzamento do Plan de Concellos. En dito encontro “falamos dos investimentos previstos para a parroquia, e a pesar de que o Alcalde dixo que si, que habería, non dixo nin canto nin para qué, só nos informou de que a contía, despois de restar unha parte para contratación, quedaba en pouco máis de 600.000€. Do Plan do ano pasado tampouco nos informaron, e non queremos que volva a pasar”, indicou Martín.

“Para Castro e Ladeira é moi importante a participación cidadá e non descartamos seguir utilizando este método de cara a futuros proxectos”, concluíu o presidente.

Anuncios