Anuncios
Ticker de novas

Miudo e Okofen pelexan polo Trofeo Infinitus Rent

O Miudo de Afonso Leite e o Okofen de Javier de la Gándara colocáronse este sábado líderes do Trofeo Infinitus Rent tras a celebración do cuarto round da competición de J80 que o Monte Real Club de Yates vén celebrando desde comezos de ano. Empatados a 13 puntos no máis alto da clasificación, Miudo e Okofen fixeron caer á terceira posición ao Virazón de Miguel Lago, que viña na cabeza e segue sendo, a pesar da perda do liderado, un dos máis claros competidores polo ouro do trofeo.

Con varias saídas en falso e unha chamada xeral, na auga palpouse o nerviosismo dunha frota que ve como a competición vaise achegando ao seu final, e trata de dalo todo para coarse nos postos de honra. A deste sábado era, ademais, unha xornada importante pola entrada en xogo dun descarte, que permitiu a cada veleiro eliminar o seu peor resultado ata o momento, modificando bastante o ránking.

Aínda que as previsións anunciaban un día complicado, con vento escaso para a navegación, finalmente mantívose bastante estable, e cuns 8 nós de media permitiu á frota disputar as tres mangas programadas. Na primeira impúxose o Meltemi de Guillermo Blanco, do Real Club Náutico da Coruña; na segunda o Ferralemes, de Enrique Porto, do Monte Real; e na terceira o portugués Miudo, do club We Do Sailing.

Con eses resultados e coa entrada en xogo do descarte, a clasificación, que viña liderando o Virazón, removeuse bastante e practicamente todas as tripulacións cambiaron de posición. O podio provisional ocúpano, a día de hoxe, o Miudo, o Okofen e o Virazón, que van primeiro, segundo e terceiro respectivamente.

O cuarto posto ocúpao, con 28 puntos, o Cansino, de Fernando Yáñez; e en quinta e sexta posición sitúanse o Meltemi de Guillermo Blanco, con 31 puntos, e o Namasté de Luis de Mira, con 34. Nos caixóns intermedios, a escasa distancia que separa a gran parte da frota augura un emocionante final para un trofeo ao que se sumaron dous novos J80, o Cunichán de Javier Martínez Valente; e o Boi de Canto da vicecomodoro do Monte Real, Genoveva Pereiro.

Unha vez superado o ecuador da competición, ao Trofeo Infinitus Rent lle quedan xa unicamente dúas xornadas para definir o podio de gañadores. A próxima celebrarase en quince días, o 10 de marzo, e o 24 será a xornada final. Para esa última etapa está programada tamén unha cea de confraternización nas instalacións do Monte Real Club de Yates e a entrega de premios aos vencedores.

Anuncios