Anuncios
Ticker de novas

O Monte Real Club de Yates celebra a Arribada desde o mar

O Monte Real Club de Yates súmase, un ano máis, á celebración da Festa da Arribada organizando saídas en barco para gozar da navegación a vela e os festexos da vila mariñeira, declarados de interese turístico internacional.

Os días 2, 3 e 4 de marzo, coincidindo coa vixésimo terceira edición da Festa da Arribada, o club baionés ofrecerá a todo aquel que o desexe, a posibilidade de subirse a un dos seus veleiros para navegar pola baía e ver os espectáculos desde o mar, mentres goza do ambiente da vila.

Programaranse saídas de dúas horas de duración as tardes do venres 2, sábado 3 e domingo 4. O venres as saídas faranse de 16:00 a 18:00, e o sábado e o domingo haberá dous horarios de navegación, de 14:15 a 16:15 e de 16:30 a 18:30.

Durante a primeira hora, os tripulantes, acompañados por un patrón do Monte Real, poderán percorrer a baía de Baiona e gozar da emoción de navegar a vela. Na segunda hora, os tripulantes poderán escoller entre seguir navegando polas augas da baía ou colocarse nas proximidades da praia Ribeira para ver os espectáculos da Arribada ou o ambiente da vila.

Todas aquelas persoas interesadas en reservar praza ou solicitar máis información poden poñerse en contacto co club enviando un correo electrónico a secretaria@mrcyb.es ou chamando por teléfono aos seguintes números 986 385 000. O prezo de cada saída é de 25 euros por persoa (20 euros para socios do MRCYB) e en cada barco poderán saír un máximo de 6 persoas.

Ademais das saídas nos veleiros do club, o Monte Real Club de Yates ofrecerá, durante os días da Arribada, descontos do 20 por cento nos seus amarres, para todas aquelas persoas que teñan barco propio e queiran achegarse navegando a Baiona.

Anuncios