Anuncios
Ticker de novas

Máis de 250 efectivos velarán pola seguridade na Festa da Arribada

O Concello de Baiona atópase mergullado nos preparativos da XXIII edición da Festa da Arribada, a terceira desde a súa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. O Consistorio dispoñerá un operativo especial de emerxencias durante os días 2, 3 e 4 de marzo, nos que se prevén entre 150.000 e 200.000 visitantes, polo que se incrementarán as medidas de seguridade e intensificarase a colaboración entre os distintos corpos de seguridade.

Así o trasladaron nunha rolda de prensa a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, o alcalde do municipio, Ángel Rodal, e o Inspector Xefe da Policía Local, Pedro Alonso, tras a reunión da Xunta Local de Seguridade de Baiona, á que tamén asistiron representantes de todos os corpos e forzas de seguridade que intervirán para establecer o plan de actuacións que se aplicará durante a celebración da Festa da Arribada.

Co obxectivo de garantir tanto a seguridade como os accesos á vila e o bo desenvolvemento das actividades programadas, dispuxéronse entre 250 e 270 efectivos. Neste operativo especial, ademais da Policía Local de Baiona, participarán axentes locais doutros municipios, como son A Guarda, Cambados, Cangas, O Rosal, Salceda de Caselas, Lalín, Vigo e Nigrán. A estes efectivos uniranse as tres seccións de Garda Civil, que son as do mar, a de tráfico e a especializada en seguridade e orde público. No operativo tamén teñen unha destacada función os servizos de Emerxencias do Val Miñor e Protección Civil.

Todos eles serán coordinados a través do posto avanzado do 112, un camión equipado cos equipos máis avanzados tecnicamente que permite aos responsables adoptar as decisións sobre o terreo, contar con información a tempo real e un espazo propio no que reunirse. Conta ademais con drons para o control de masas e vehículos. Por segundo ano os medios sanitarios contarán cun autobús medicalizado, que atenderá “in situ” as emerxencias, para evitar o colapso das ambulancias, cunha resposta de minuto e medio desde o aviso a calquera lugar da vila.

O protocolo de seguridade contempla varias liñas de actuación, entre elas as deseñadas especialmente para casos de emerxencia que se poderán levar a cabo tanto por mar, como por aire e terra. As actuacións tamén se centran en garantir a seguridade de todos os cidadáns con accións preventivas.

Ángel Rodal destacou e agradeceu o interese de Ana Ortiz polo bo desenvolvemento da Festa da Arribada. “Ano tras ano a subdelegada asiste persoalmente á coordinación, isto demostra interese, sensibilidade e sentido do deber por parte do máximo responsable da seguridade na provincia”.

Segundo o rexedor, o dispositivo consiste nun “plan de autoprotección” no que se incorporou “a experiencia de anos anteriores”. “Ano a ano melloramos en afluencia e en seguridade para que non haxa problemas e, se os hai, sáibase actuar. O primeiro requisito para que a festa siga crecendo é a seguridade”.

Finalmente, Rodal sinalou que, tras o éxito do ano pasado, se volverá instaurar o sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Centro histórico. A medida, instaurada por primeira vez o ano pasado e aprobada a proposta de ACEBA, ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito na Zona Vella e facilitar a mobilidade.

Así mesmo, por terceiro ano consecutivo habilitarase unha bolsa de aparcadoiro de 10.000 prazas totalmente gratuítas en Porto do Molle (Nigrán), desde onde partirán lanzadeiras (tamén gratuítas) cada media hora. Ademais, haberá barcos que conectarán o porto de Baiona cos de Vigo, Cangas, Moaña e Panxón.

Anuncios