Anuncios
Ticker de novas

A Festa da Arribada crece en actividades, espectáculos e espazo no seu 525 aniversario

Esta mañá a Concellería de Cultura do Concello de Baiona presentou a programación da XXIII Festa da Arribada e desvelou varias novidades nas que levan traballando intensamente para que a efeméride do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta sexa especial. Os froitos de todo ese traballo iranse desvelando ao longo dos próximos meses.

Os xardíns da Casa da Navegación de Baiona foron o lugar elixido para desvelar as novidades. A encargada de dalas a coñecer foi a Concelleira de Cultura de Baiona, María Iglesias, responsable da organización.

Así, Iglesias anunciou que a Once editará un Cupón conmemorativo da Festa da Arribada, que se sorteará o propio sábado 3 de marzo coincidindo coa celebración da Festa. Todo un reclamo promocional a nivel nacional que se presentará o xoves 1 de marzo.

Outro dos grandes acontecementos que se celebrarán con motivo da efeméride é a creación da Regata 525 Aniversario da Arribada organizada coa colaboración do Monte Real Club de Yates de Baiona.

Entre os cambios da XXIII edición da Arribada atópase a ampliación do Real Mercado Medieval coa inclusión das rúas Marqués de Quintanar e Carabela Pinta, formando unha liña perimetral de acceso ao recinto da festa na que se instalarán postos de artesanía e obradoiros lúdicos e educativos para os máis pequenos como os oficios antigos que atoparán na Alameda dos Aprendices: poderán facer gravados de madeira, ourivaría, olería, repuxado de coiro, repostería, cuñaxe de moedas, escritura gótica, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc.

A zona de Playmóbil medieval este ano cambia de localización para a rúa Carabela Pinta e amplía o seu recinto: con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de figuras Playmóbil coas que xogar e facer voar a imaxinación dos infantes.

Tras o éxito do ano pasado, se volverá instaurar o sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Centro histórico. A medida, instaurada por primeira vez o ano pasado, aparece marcada no programa, co obxectivo de informar e facilitar a circulación aos viandantes para que sexa máis fluída e evitar aglomeracións innecesarias dentro do centro histórico.

A praia Concheira volverá acoller os paseos de Camelos e Dromedarios e a zona chamada “Terrario exótico”: O Centauro, onde nos poderemos atopar co encantador de serpes, tartarugas xigantes, a iguana, os guacamaios, os agapornis e os papagaios de cola vinagre. Tamén se poderá ver a Granxa Medieval, unha actividade lúdica e educativa para os nenos.

En canto ás exposicións temáticas, o hall do Concello acollerá a mostra “Castelos, os protectores de pedra”, e a de “Inventos da idade media e creacións visionarias” poderase visitar na Capitanía Marítima de Baiona.

As mostras de “Encaixes de Palillos” e dos “Labores de Calceta” das mulleres do municipio estarán no Viveiro de Empresas situado na Rúa do Reloxo e as exposicións de Traxes Medievais e da Cartelería de todas as edicións da Arribada no Liceo Marítimo de Baiona.

O Paseo da Ribeira acollerá un ano máis a Parada dos Pobos Irmáns, onde Palos de la Frontera, Santa Fe de Granada, Pornic e Vila do Bispo ofrecerán os seus produtos tradicionais.

Tamén haberá múltiples concertos como o de música antiga “Favola d’Argo”, o da Banda de Música de Baiona, o grupo de gaitas A Seneira, ou o grupo de música Celta Grimorios. Haberá tamén oco para a música precolombina coas demostracións dos “Sons dos instrumentos musicais da América Precolombina e obxectos sonoros de poder” con Pablo Canalís, que transportarán aos espectadores ás tribos indíxenas da América precolombina.

Cetrería, Xustas Medievais, Tiro con Arco, a Contenda de Esgrima, o Desafío Medieval con descensos en tirolesas, rocódromos, rappel, torre multiaventura, equilibro no ponche mono, o Adestramento de Cabaleiros, as Atraccións Medievais e os quebracabezas de madeira con xogos tradicionais de toda a vida.

Mención especial merece a representación da obra da “Arribada do Descubrimento”, obra escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, cunha repartición importante de actores e figurantes coa dificultade que ten o feito de representala en directo no mesmo escenario que hai 525 anos. Todo isto e máis nun fin de semana que transportará a todos aqueles que acudan a Baiona ao medievo.

O Acalde puxo o broche final ao acto agradecendo en primeiro lugar o traballo e a dedicación da Concelleira de Cultura e de todo o departamento. Tamén agradeceu ao director de Zona de ABANCA, Héctor Martínez América, a súa colaboración coa Arribada, e a Marcos Comesaña, presidente de ACEBA, a implicación da asociación e de todos os comercios do municipio na festa.

Rodal finalizou deletreando as letras que compoñen a palabra ARRIBADA, coa que describiu termos que suxiren a celebración: A de acollida, a gran acollida que os baioneses fan aos visitantes, R de racional, a festa foi crecendo de maneira racional e permitiu que se manteña no tempo, I de Ilusión, a gran ilusión coa que os mariñeiros partiron cara a terras descoñecidas e a ilusión coa que algunhas mulleres comezaron hai 23 anos cun mercadillo na contorna da Fortaleza de Monterreal e que deu lugar á Festa da Arribada. Tamén a ilusión coa que o Concello organiza a Arribada e a ilusión coa que a viven os baioneses, B de Baiona e da beleza excepcional do municipio. Outra A de amizade cos pobos irmáns e de agradecemento a todas as persoas que permiten realizar a festa, e a D de diversión e goce de todos e outra A de acollida.

O Alcalde tamén destacou a importancia desta celebración para a vila, pois se pretende que veñan a Baiona máis de 150.000 persoas que axudarán a desestacionalizar e que supoñerá unha gran repercusión na economía do municipio.

Tras finalizar as intervencións tivo lugar unha demostración do obradoiro de pan TuPana-Val Miñor, que ensinou aos presentes como se facía o pan da época seguindo unha receita antiga recuperada con motivo do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta a Baiona polo historiador local Anxo Rodríguez Lemos.

PROGRAMA ARRIBADA 2018

DIARIO DE LA ARRIBADA 2018

CARTEL REGATA 525 ANIVERSARIO ARRIBADA

Anuncios