Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas chega cargado de moral ao comezo da Copa de España en Don Benito

Desde este domingo o Club Ciclista Rías Baixas tentará saldar a conta pendente que ten coa Copa de España. A competición máis prestixiosa do calendario Elite e Sub23 español resistíuselle á entidade presidida por José Luis Chamorro nas súas tres anteriores participacións. Un ano tras outro, os sensacionais resultados do conxunto do Val Miñor non abarcaron este certame de nove carreiras, que neste 2018 volve poñerse en marcha co Circuíto Guadiana en Don Benito.

A terras estremeñas o conxunto que dirixe Iván Rodríguez chega cargado de moral tras inaugurar a súa marcadora de vitorias na primeira cita desta campaña. O pasado fin de semana Francesc Zurita impúxose na clasificación xeral do Memorial Manuel Sanroma en Almagro (Cidade Real). O catalán non disputará a Copa de España porque está reservada a menores de 25 anos, pero a estrutura miñorana si poderá contar con David Galarreta, o outro ciclista que fichou procedente do pelotón profesional.

O golpe de pedal do corredor cántabro quedou de manifesto na apertura do curso. Protagonizou unha cabalgada en solitario durante a segunda xornada do Memorial Manuel Sanroma e adxudicouse a clasificación da Montaña. No tramo final da etapa, Galarreta levantou o pé para ser neutralizado e axudar ao seu compañeiro Zurita a anotarse o triunfo final.

O líder desta formación para a Copa de España capitaneará no Circuíto Guadiana un bloque formado por Jaime Guzmán, Adrián Escobar, Cristian Cuervo, Óscar Justo, Sergio Álvarez e Antonio Barbero. A 52º edición da proba pacense arrancará ás 10:00 horas e presenta o seu tradicional percorrido de 171 quilómetros. Os participantes terán que dar catro voltas a un circuíto de perfil chairo, coa excepción da selectiva rampla de Magacela.

O Club Ciclista Rías Baixas é un dos 22 equipos oficiais do certame organizado pola Asociación Española de Organizadores de Probas Ciclistas Elite e Sub 23 (AEOPCES) e que no seu vixésimo aniversario volve constar de nove carreiras puntuables.

Anuncios