Anuncios
Ticker de novas

A Xunta presenta o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial de Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron hoxe o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por este municipio. Está previsto que a actuación se realice durante este ano como parte do cronograma do Plan director do Camiño de Santiago, que centra os investimentos en 2018 neste itinerario xacobeo e no Camiño Portugués, as dúas rutas que entran na provincia de Pontevedra a través do país veciño.

O proxecto global, actualmente na súa fase de licitación, conta cun investimento superior aos 700.000 euros, o que permitirá acometer toda unha serie de melloras, beneficiando aos peregrinos e á veciñanza, no propio termo municipal de Vigo e no resto de concellos do Camiño Portugués da Costa: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Redondela.

“Damos un novo paso na protección e conservación de todas as rutas xacobeas”, declarou Nava Castro, que lembrou que o Camiño Portugués da Costa foi oficialmente recoñecido en 2016 grazas á aprobación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia impulsada pola Xunta.

Esta actuación servirá para revalorizar, promover e revitalizar o Camiño Portugués da Costa, que non deixa de medrar desde a súa aprobación. De feito, en 2017 o percorreron case 7.500 peregrinos, fronte os 2.600 do 2016. Suporá unha mellora substancial na sinalética, que quedará adaptada á normativa vixente e ao trazado provisional previsto en dita lei.

Coordinación cos concellos

A presentación do proxecto en Vigo tivo lugar despois de que a proposta fora xa trasladada o pasado mes de novembro á Mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, onde están representadas as diferentes administracións implicadas na ruta. Ademais, este mesmo mes mantivéronse dúas reunións cos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, onde cada concello puido recibir o proxecto concreto do seu municipio.

O procedemento aplicado co Camiño Portugués de Costa e co Camiño Portugués segue o modelo desenvolvido nos últimos anos co Camiño do Norte, co Camiño Primitivo, co Camiño Inglés e co Camiño de Fisterra e Muxía, os anteriores traballos no Plan director do Camiño.

A maiores do proxecto de sinalización, ao longo deste ano impulsaranse nestes itinerarios accións divulgativas, de promoción, programas de dinamización cultural ou exposicións.

2018-02-21 - 20180221SinalizacionCaminoVigo_2

Anuncios