Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil recupera en Gondomar unha moto de auga subtraída en decembro en Nigrán

A Garda Civil recuperou unha moto de auga que fora subtraída o pasado mes de decembro na localidade de Nigrán. A moto foi localizada na beiravía da estrada, no municipio de Gondomar.

Os feitos sucederon sobre as 21:00 horas do pasado xoves cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Gondomar, que circulaba pola estrada PO-340, atopa a moto de auga estacionada na beiravía, á altura do punto quilométrico 12,500, no barrio da Torre, da parroquia de Couso. Trátase dunha máquina seminova, en perfecto estado de conservación, valorada en máis de 14.000 euros, que unicamente carecía do motor.

A través do número de bastidor púidose pescudar que figuraba a nome dun veciño da localidade portuguesa de Póvoa de Varzim, que lla subtraeron o pasado mes de decembro, xunto co remolque que a transportaba, nunha céntrica rúa de Nigrán, segundo consta na denuncia que fora presentada no seu día no Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán.

Coa colaboración da Comisaria de Colaboración Policial e Aduaneira (CCPA) de Tui, localizouse ao propietario da moto de auga, que inmediatamente se fixo cargo da mesma.

Por mor das investigacións realizadas, conclúese que a moto podería circular a bordo doutro vehículo, posiblemente con destino a Portugal, e deixárona abandonada na beiravía ao ter noticia da proximidade dun control que estaba a realizar a Garda Civil, momentos antes da súa localización.

A investigación continúa aberta para o total esclarecemento dos feitos.

Anuncios