Anuncios
Ticker de novas

Primeira vez en Nigrán que se descontan do canon de Cespa os ingresos por recollida selectiva

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Camión da recollida de lixo de Nigrán.

A pesar de que no ano 2015 a corporación municipal asumira por unanimidade a proposta de Nigrán Decide para que se descontase o 50 por cento do recadado por Cespa polos ingresos que ten pola recollida selectiva, o goberno municipal estivo aprazando o asunto e presentou durante este mes dúas propostas de revisión de prezos nas que non contemplaba este desconto.

Ante este incumprimento do acordo plenario por parte do goberno, esta fin de semana o grupo municipal de Nigrán Decide presentou unha emenda á proposta do goberno, para que se descontase ao canon o ingresado por Cespa pola recollida selectiva desde o ano 2005 até o 2015. Finalmente, o goberno asumiu parcialmente a emenda e na comisión informativa de contas celebrada este martes presentou unha proposta onde asumía parcialmente a proposta de Nigrán Decide, ao descontar con relación á recollida selectiva o que establece o contrato unicamente para os anos 2013, 2014 e 2015.

“Isto supón para as arcas do Concello e, por tanto, para toda a veciñanza de Nigrán un aforro no canon anual de 17 mil euros e de outros 50 mil euros no pago de atrasos”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “aínda que dista moito do millón de euros que, presumiblemente, lle debe CESPA ao Concello de Nigrán segundo os documentos aos que ten acceso o noso grupo municipal, é un primeiro paso para establecer un control sobre as concesionarias de servizos en Nigrán. A festa de contratar co Concello de Nigrán para cobrar e non cumprir os contratos rematou”, finaliza Cuevas.

Anuncios