Anuncios
Ticker de novas

África González, galardoada co premio Muller Científica 2018 do IES Val Miñor

En decembro de 2015 a ONU proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de rachar as barreiras que atopan as mulleres e as nenas no ámbito científico-tecnolóxico.

Con esta mesma idea de visibilizar o traballo científico das mulleres e de mostrar ás rapazas modelos nos que se poidan ver reflectidas nace o premio Muller Científica do IES Val Miñor.

Este premio enmárcase dentro dunha serie de actividades, obradoiros e charlas que o IES Val Miñor ten programado ao longo do curso en favor dunha educación para a igualdade de oportunidades de ambos sexos e para que o alumnado tome conciencia dos condicionantes sociais e culturais que poidan determinar a súa elección vocacional.

A científica galardoada este ano 2018 co premio Muller Científica do IES Val Miñor é África González Fernández. Actualmente é a presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e catedrática da Universidade de Vigo, onde tamén dirixe o Centro de Investigación Biomédica. O seu traballo actual céntrase en desenvolver unha vacina para tuberculose, así como en Nanomediciña o estudo da toxicidade de nanomaterias. Ademais da súa carreira investigadora, África González destaca tamén na súa faceta emprendedora como cofundadora de Nanoimmunotech, unha compañía que actualmente desenvolve nanopartículas e produtos de diagnóstico para farmacéuticas e empresas biotecnolóxicas de 45 países. Recentemente, foi incluída entre as 12 finalistas dos premios europeos ás mulleres innovadoras que concede a Comisión Europea.

O premio entregouse este luns no Salón de actos do instituto Val Miñor de Nigrán.

Anuncios