Anuncios
Ticker de novas

ABANCA únese aos empresarios de Ovalmi para facilitar o acceso ao crédito no Val Miñor

ABANCA e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi) veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, o investimento e a mellora competitiva das empresas adheridas a esta organización.

O presidente de Ovalmi, José Luis Froiz Espiño, e o director de zona Vigo Metropolitana de ABANCA, Héctor Martínez, rubricaron na sede institucional da entidade financeira en Vigo un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do sur de Galicia. Ao acto tamén asistiu o xerente de Negocios de ABANCA na territorial de Vigo, Emilio Estévez; a directora da oficina de ABANCA en Gondomar, María Isabel Fernández; o vicepresidente de Ovalmi, José Ángel González Goce; e a secretaria da Asociación, Teresa Pedreira Prieto.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores da comarca asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Este colectivo contará con produtos especificamente deseñados para facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais na zona ou a mellora competitiva dos que xa están establecidos. Á súa disposición ABANCA pon tamén préstamos e hipotecas dirixidos ao investimento, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e con xuros moi competitivos.

De maneira adicional, os empresarios asociados contarán, en condicións especiais, con outros produtos da entidade financeira galega específicos para atender as necesidades do día a día das empresas, como pólizas de crédito, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, asinado entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra.

Do mesmo xeito, o acordo asinado inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade, así como o acceso a APLAZOS, o servizo de compras de ABANCA.

Os empresarios adheridos a Ovalmi poderán acceder tamén ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

Ovalmi, constituída no ano 1993, agrupa os intereses de preto de 320 empresas que impulsan a mellora competitiva deste territorio. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas na comunidade e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.

Anuncios