Anuncios
Ticker de novas

Wizner e Ameneiro levan o Trofeo Baitra

FOTO: CARLOS RÚA // Os mundialistas júnior Wizner e Ameneiro gañadores do Trofeo Baitra.

O vigués Martín Wizner e o pontevedrés Pedro Ameneiro acábanse de proclamar vencedores do Trofeo Baitra de Vela Lixeira, celebrado este fin de semana en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio da empresa de accesorios navais Baitra.

Os actuais campións do mundo sub 17 da clase 420 lograron a vitoria tras asinar dous primeiros postos e un terceiro nas tres regatas disputadas na etapa do sábado, uns resultados que mantiveron tras a xornada do domingo, na que foi imposible disputar ningunha manga por falta de vento.

Cunha técnica moi depurada e un gran espírito de competición, os novos regatistas, da xeración do 2001, fóronse adaptando ao campo de Baiona conforme avanzaban as probas. “A primeira manga custounos un pouco e rompemos a pata de galo pero na segunda, xa afeitos aos roles, collemos ritmo e situámonos primeiros, e na terceira puidemos manternos sen problemas”, asegurou Ameneiro ao finalizar o trofeo.

Wizner e Ameneiro suman así un novo éxito á súa meteórica carreira, un currículo no que xa figuran, ademais do campionato do mundo sub 17, a prata do Europeo Open de Atenas e o bronce dos Europeos júnior de 420, celebrados en Lago dei Garda (Italia). O seu próximo reto, para o que xa se preparan, é o Campionato de España da clase, que se celebrará o próximo mes de marzo en Gran Canaria. “Imos con moita ilusión –di Wizner- e este trofeo serviunos de adestramento para seguir mellorando de fronte ao nacional”.

Ao Real Club Náutico de Vigo vai parar, por tanto, o gran trofeo do campionato, unha réplica en fundición da Batería do Cangrexo que os gañadores recibiron de mans de Juan Carlos González, xerente de Baitra e un dos grandes impulsores da vela de base en Galicia.

Outra tripulación do náutico vigués, a vencedora da anterior edición, formada por Jorge Enríquez e Guillermo Núñez, logrou subirse ao segundo caixón do podio; e o tándem Jacobo García–Antoni Ripoll, do Real Club Náutico de Sanxenxo, completou o podio de gañadores colgándose a medalla de bronce.

Ademais de quedar terceiros da xeral, García e Ripoll fixéronse co premio á mellor tripulación Sub-17, superando a África Alonso e María Pérez Canal, do Náutico de Vigo; e Yago Castro e Jaime Wizner, que quedaron segundas e terceiros respectivamente. As mozas levaron, ademais do segundo premio en Sub-17, o galardón á mellor tripulación feminina da competición.

Na entrega de premios aos gañadores estiveron presentes o presidente e varios directivos do Monte Real Club de Yates, como club organizador; o xerente de Baitra, como patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o concelleiro de actividades marítimas de Baiona, Raúl Costas; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

A próxima cita coas regatas en Baiona será o Trofeo Infinitus Rent, de monotipos J80, que o próximo fin de semana celebra a súa cuarta xornada, co Virazón de Miguel Lago na cabeza da clasificación.

TROFEO BAITRA DE VELA LIXEIRA • CLASIFICACIÓN XERAL FINAL

1. Martin Wizner y Pedro Ameneiro • Real Club Náutico de Vigo
2. Jorge Enríquez y Guillermo Núñez • Real Club Náutico de Vigo
3. Jacobo García y Antonio Ripoll • Real Club Náutico de Sanxenxo
4. Alejandro Pérez y Iago García • Real Club Náutico de Vigo
5. Manuel Lorenzo y Guillermo Rodríguez • Real Club Náutico de Sanxenxo

CLASIFICACIÓN SUB–17 • TROFEO BAITRA VELA LIXEIRA

1. Jacobo García y Antoni Ripoll • Real Club Náutico de Sanxenxo
2. Rodrigo Rodríguez y Eduardo Pola • Club Marítimo Canido y Real Club Náutico Rodeira
3. África Alonso y María Pérez-Canal • Real Club Náutico de Vigo

CLASIFICACIÓN FEMININA • TROFEO BAITRA VELA LIXEIRA

1. África Alonso y María Pérez-Canal • Real Club Náutico de Vigo
2. Alba Trigo y Carmen Fernández • Real Club Náutico de Sanxenxo
3. Rosalía Martínez y Sandra Trigo • Monte Real Club de Yates

Anuncios