O Auditorio V Centenario de Baiona acolle este sábado 2 de xuño ás 20:00 horas a representación de “Anagnórise”, adaptación de Limiar Teatro baseada nunha das obras máis coñecidas de María Vitoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Indicada para público maior de 14 anos, forma parte da programación teatral que, baixo o título “María Victoria Moreno a escena!”, o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra.
Producida por Galaxia Editorial, pon encima das táboas a historia de Nicolau, un mozo que decide fuxir a Madrid facendo autostop, e de Xulia, a muller que o recolle no seu vehículo. O escenario sitúase, aparentemente, nun despezamento no que dous actores van facendo un percorrido trepidante polos elementos máis salientables que conforman a road movie que constitúe a obra orixinal, desde a primeira parada para tomar o polbo ata o último café en Madrid. Este percorrido está fiado cunha proposta escénica pouco común, baseada en mapping audiovisual, música en directo, lectura de fragmentos da obra, xogos nos que se precisa a participación e a complicidade do público, e grandes doses de humor.
O atractivo da adaptación de “Anagnórise” reside na confluencia entre elementos totalmente contemporáneos e procedentes da cultura dos mass media, como os concursos televisivos, a música de moda ou grandes éxitos do cinema comercial de Hollywood, postos ao servizo dos valores que defende María Vitoria Moreno na súa obra, como son a procura do amor, a comprensión entre as persoas, a igualdade de xénero, e a necesidade de asumir a perda e afrontar a frustración.
“Anagnórise” foi publicada en 1988 e foi seleccionada para a lista de honra da IBBY en 1990. Desde entón, vendéronse milleiros de exemplares converténdose na obra de maior éxito comercial de María Victoria Moreno.

