Anuncios
Ticker de novas

Nigrán considera “de xustiza” a eliminación das peaxes na autoestrada do Val Miñor

O Concello de Nigrán lerá no vindeiro pleno unha declaración institucional para pedir á Xunta a supresión das peaxes na autoestrada do Val Miñor.

A autoestrada do Val Miñor, denominada AG-57, púxose en funcionamento no ano 1999. Trátase dunha vía de titularidade autonómica, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, da que o Grupo Itinere ten unha concesión ata 2045.

Esta autoestrada é a ruta máis rápida para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, á Universidade de Vigo ou ao Aeroporto de Peinador. Tres infraestruturas públicas clave que non dispoñen de transporte directo e áxil, sendo a AG-57 a única vía rápida de acceso.

A principal estrada de comunicación do Parque Empresarial Porto do Molle de Nigrán tamén é a AG-57, sendo moi recomendable o uso desta vía de alta capacidade por parte dos transportes pesados, o que revertería nunha mellora da seguridade viaria.

A autoestrada é tamén unha circunvalación para os tres municipios do Val Miñor, proporcionando a supresión das peaxes unha solución ao aumento de tráfico en momentos puntuais e mellorando, por tanto, a seguridade.

Tendo en conta que incluso a Autoestrada AP-9 ten tramos gratuítos que circunvalan as cidades e que outros tramos que anteriormente tiñan peaxe agora foron suprimidos, é de xustiza tratar a toda a cidadanía galega por igual, xa que os veciños de Nigrán e do Val Miñor teñen o mesmo dereito a dispoñer dunha vía de comunicación rápida, segura e que circunvala os tres concellos.

Proposta de resolución

1. Solicitar á Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia a supresión inmediata da peaxe da AG-57 e da súa variante AG-57N, sen custe engadido para os veciños e veciñas de Nigrán e do Val Miñor.

Anuncios