Anuncios
Ticker de novas

O CPA Gondomar aspira a revalidar un ano máis o título de campión galego

FOTO: CPA GONDOMAR

O Pavillón Municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela acolle este sábado o XVII Campionato Galego de Grupos Show para Grandes e Pequenos de Patinaxe Artística. O evento está organizado polo Club Deportivo Fontiñas e contará coa participación de 8 e 12 clubs respectivamente.

O Campionato Galego vaise desenvolver ao longo de toda a xornada do sábado. Pola mañá terán lugar os adestramentos, a porta pechada. A competición oficial desenvolverase pola tarde: a partir das 17:30 horas para os grupos pequenos e dende as 19:15 horas para os grupos grandes. A entrega de trofeos está prevista para as 20:45 horas.

En total van participar 244 patinadoras e patinadores de toda Galicia. Na categoría de Grupos Grandes haberá oito grupos, dous da provincia da Coruña e seis da de Pontevedra. Na categoría de Grupos Pequenos serán 12, cinco deles da provincia da Coruña e sete da de Pontevedra, entre eles o Club Patinaxe Artística de Gondomar co seu programa “Expediente Alice”.

As gondomareñas intentarán revalidar o seu título de vixentes campioas galegas, posto que lles permitiu participar no Campionato Nacional celebrado en Lleida no mes de marzo de 2017, conseguindo por primeira vez na historia galega desta modalidade subirse ao podio cunha medalla de bronce que soubo a Ouro. Este posto permitiulles participar no Campionato de Europa e por primeira vez nun Mundial que se celebrou en Nanjing (China), conseguindo un máis que meritorio sexto posto.

Anuncios