Anuncios
Ticker de novas

A baionesa Mireya Represa proclámase campioa galega de xadrez Sub 18

A xogadora baionesa do Club de Xadrez Laroca Mireya Represa acadou o primeiro posto no Campionato Galego celebrado en Ferrol entre o 10 e o 13 deste mes.

A laroqueira, partindo do 4º posto no ranking inicial, conseguiu o 1º posto da xeral, grazas aos 7 puntos dos 8 posibles, e perdendo soamente a derradeira partida co campionato xa na súas mans. O outro representante do Val Miñor, o gondomareño Artai Bringas, partindo do oitavo posto do ranking, acadou o 6º posto na xeral, con 4,5 puntos, grazas ás 3 vitorias e 3 táboas, perdendo soamente con Mireya na rolda sete e na 2ª rolda co 1º do ranking, o pontevedrés Pablo Vidal, que o superaba en case 300 puntos de ELO.

Este sábado reanúdase a partires das 5 da tarde a liga galega de xadrez onde o Laroca A na primeira división desprazase a terras do Condado para enfrontarse en Mondariz Balneario ao Xadrez Marcote, desprazamento complicado para os Laroqueiros, que se enfrontan ao segundo clasificado do grupo.

Na segunda división o Laroca B desprázase á capital da provincia para enfrontarse ao EXP-Escola Deportiva Universitaria. Os miñoráns terán unha oportunidade de escalar posicións na táboa clasificatoria ante os pontevedreses, que tan só teñen un punto.

O Laroca C xogará na súa sede de Cotros ante o equipo tudense do Chiringo Contos Tui, equipo que ocupa o 6º posto, polo 2º dos miñoráns.

Na terceira división o equipo do Laroca Mallón tamén ten un desprazamento complicado a terras do Condado para enfrontarse ao segundo clasificado, o Xadrez Altamira de Salceda de Caselas, mentres que o Laroca IES Auga da Laxe defenderá o liderado na casa ante o Instituto Ponteareas Xadrez Ponteareas B.

Anuncios