A Deputación aproba 260.000 € para a rehabilitación do muíño de Porto do Molle

O Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde a novos recursos dos que se beneficiarán oito municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Con esta nova inversión de 1.816.383 euros, A Estrada, Meis, Mondariz, Moraña, Nigrán, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño levarán a cabo melloras de pavimentación e accesos, actuacións en materia de saneamento, en sinalización urbana, renovación de beirarrúas e á rehabilitación de equipamentos, como a rehabilitación dun muíño ou a reforma dunha escola unitaria. Nigrán recibirá 259.153 euros para proceder á rehabilitación do muiño “Porto do Molle”, unha construción catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) e un edificio de gran valor histórico do que, actualmente, só se conservan os muros de granito e o piso de pedra sobre o inferno do muíño.