Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas apontoa o seu persoal con Arribas e Zamanillo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Ignacio Zamanillo e Iván Arribas xunto Gerardo Chamorro.

O calendario español elite e sub23 arranca esta semana e o Club Ciclista Rías Baixas inicia a súa sexta tempada no campo amateur con catorce corredores no seu persoal. As súas dúas últimas incorporacións proceden do conxunto Pizzería Española. A estrutura presidida por José Luis Chamorro fíxose cos servizos dos madrileños Ignacio Zamanillo e Iván Arribas.

Estes dous reforzos, que apontoan o bloque dirixido por Iván Rodríguez, responden o perfil de ciclistas de proxección. Zamanillo cumprirá 23 anos o próximo mes de marzo e cultivou interesantes resultados en probas como a Volta a Segovia, Volta a Ávila ou a clásica de Loinaz. “Son un escalador puro, vanme ben as carreiras duras”, afirma o corredor nado en San Lorenzo del Escorial.

Pola súa banda, Arribas está aínda nunha etapa de formación. “Levo relativamente pouco no mundo do ciclismo, xa que esta vai ser a miña terceira tempada competindo e montando en bicicleta”, sinala este ciclista de 23 anos que se define como “un corredor de equipo. O que máis me motiva é poder traballar para que os compañeiros poidan facer un bo resultado. Tento estar sempre nos cortes iniciais e coller o máximo de fugas posibles”.

Zamanillo e Arribas completan a nómina de trece fichaxes que a entidade miñorana realizou durante os últimos meses. Esta lista compóñena: Andrés Abal, Rafael Pereira, Óscar Justo, Jorge González, Adrián Escobar, Francesc Zurita, David Galarreta, Jaume Bonnin, Cristian Cuervo, Sergio Álvarez e Antonio Barbero. Respecto ao pasado curso unicamente mantense no equipo Jaime Guzmán.

A primeira cita para este renovado proxecto chegará durante este próximo fin de semana. O Club Ciclista Rías Baixas desprazarase ata Almagro (Cidade Real) para disputar o sábado e o domingo o XIX Memorial Manuel Sanroma.

Anuncios