CABE levará aos Plenos de Gondomar e da Mancomunidade a liberalización da peaxe na AG-57

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentou unha proposta de acordo pedindo a supresión da peaxe da Autoestrada do Val Miñor AG-57, tanto no próximo pleno ordinario do mes de febreiro no Concello de Gondomar como no próximo Pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

Esta autoestrada comunica ao Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar) e dá servizo tamén aos concellos do Baixo Miño (O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Oia) coa cidade de Vigo, a Universidade ou Porriño. Estamos a falar de máis de 100.000 habitantes que se poden facilmente duplicar en períodos estivais.

Dende a súa inauguración o 24 de maio de 1.999, vai para 17 anos, e en distintas etapas, practicamente todos os grupos políticos do Val Miñor xunto con diversos e múltiples colectivos veciñais, sociais e empresariais, pediron que este tramo da rede viaria quedara libre da peaxe.

“Xa toca e non cabe esperar. Esta Autoestrada AG-57 é de titularidade autonómica, da Xunta de Galicia. Suprimida a peaxe no tramo do Morrazo e máis recentemente o de Redondela (de titularidade estatal), debemos de novo incidir na supresión da peaxe da AG-57”, sinala Pauliño del Río.

Segundo CABE porque está a ser infrautilizada e non cumpre coa súa función primordial que é a de ser a circunvalación dos tramos urbanos de Gondomar, Nigrán e Baiona.

Porque evitaría moitos dos atascos e accidentes que debido á densidade de tráfico no Val Miñor cara a Vigo e ao contrario se producen acotío. “Claro exemplo o temos agora co Plan de seguridade da estrada PO 331 ao seu paso por Vincios por mor dos puntos negros e repetidos accidentes (densidade diaria de tráfico entre 10.000 e 15.000 vehículos por día)”.

Porque a eliminación da peaxe suporía o aforro en diversas infraestruturas que debido á negativa do goberno autonómico para liberalizar o seu uso, preténdense realizar como alternativa ao conxestionado tráfico da bisbarra do Val Miñor. A alternativa xa está feita e chámase autoestrada AG-57.

“Unha demanda xusta e asumida e reinvindicada como tal polo conxunto da poboación do Val Miñor. Polo que dende Gondomar Concello Aberto levaremos ao Pleno do Concello de Gondomar e ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, a exixencia da retirada da Peaxe da Autoestrada AG-57 e que se remita a proposta aos Concellos de Nigrán e Baiona para que adopten, se así o estiman, un acordo no mesmo senso”, conclúe Del Río.