Anuncios
Ticker de novas

Iván Roade imponse na IV Carreira do Entroido de Vigo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Iván Roade Lago impúxose este domingo na IV Carreira do Entroido de Vigo. O nigranés do Bikila completou os 10 km do percorrido con saída e chegada en Porta do Sol en 31:34 minutos. O portugués Nuno Costa foi segundo e Manuel Marchena terceiro, cruzando a meta cun tempo de 32:23 e 34:14 respectivamente.

Na categoría feminina, Ester Navarrete alzouse coa vitoria cruzando a meta en 35:55 minutos, por diante de Sandra Mosquera, segunda, e Clarisse Cruz, terceira. Ambas completaron o circuíto de 10 km en 36:39 e 37:31 respectivamente.

Roade xa comezou o ano gañando a XII edición da Subida ao Castro, proclamándose ademais campión do circuíto Run Run Vigo, que comezou no mes de abril do 2017 coa Vig-Bay, e incluíu tamén a Happy Go Running, a Carreira da Cereixa, a Nocturna Correndo por Vigo, a Nocturna de San Xoán, a 10K Xornadas Marisqueiras, a Carreira Vigo contra o Cancro e a Vigo +11. Conseguiu a vitoria en catro das nove probas, ademais de dous segundos postos, un terceiro e un noveno.

A carreira popular do Entroido vigués contou con modalidades infantil, adulto e veterano. Os máis pequenos correron por Príncipe e os maiores completaron o percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso XII, Pi e Margall, López de Mora, Camelias, Romil, Cachamuíña, Ronda de Don Bosco, Progreso e Doutor Cadaval.

Anuncios