En Marea reivindica en Gondomar a cooperación entre Concellos

En Marea reivindica un modelo de xestión municipal que supere as fronteiras dos Concellos e aposte pola cooperación para impulsar políticas que favorezan o benestar da veciñanza. A formación apela á necesidade dun municipalismo cooperativo e non sectario, capaz de atender as necesidades da cidadanía e facilitar o seu día a día en cuestións como a mobilidade. Unha fórmula que tamén permitiría impulsar a creación dunha empresa eléctrica pública para rematar coa pobreza enerxética e garantir prezos xustos.

A campaña electoral de En Marea para as próximas eleccións do 26 de maio centrose este venres na localidade pontevedresa de Gondomar. Ata alí se desprazou o voceiro, Luís Villares, participou no acto «Conversas por Europa» xunto ao candidato Xoán Hermida. A pesar de que posteriormente estaba previsto que ambos participaran tamén na presentación da candidatura de Manifesto Miñor que Antonio Araúxo encabeza nese municipio, o acto foi finalmente suspendido en sinal de loito e respecto polo falwcemento de Alfredo Pérez Rubalcaba.

En Marea aposta por uns Concellos ao servizo da cidadanía. Unhas institucións abertas e democráticas, capaces de trascender o puramente local para impulsar fórmulas de colaboración supramunicipal que atendan ás necesidades da cidadanía. É a mensaxe que Luís Villares deixou en Gondomar, onde o voceiro destacou a necesidade de desenvolver espazos metropolitanos con áreas de gobernanza propias. Unha fórmula que, en zonas como a contorna de Vigo e o Val Miñor, onde boa parte da cidadanía se despraza a diario por motivos laborais, permitiría mellorar a mobilidade de xeito substancial, mediante a posta en funcionamento dun transporte público máis eficiente que o actual.

«O municipalismo de En Marea baseáse na cooperación non sectarea entre Concellos. A área metropolitana de Vigo tiña que ser unha realidade, e non o é aínda porque hai partidos e alcaldes que non ven máis aló do propio termo municipal», denuncia Villares. Que reivindica unha fórmula de cooperación que tamén «permitiría crear unha empresa eléctrica pública que traballase con produtoras renovables, e que permitise aos concellos facer políticas sociais con tarifas propias para acabar coa pobreza enerxética».

Son algunhas das medidas que están en xogo na dobre cita electoral do 26 de maio. Unha data man que Galicia «xoga unha dobre partida, en defensa da democracia nos Concellos e en Europa».

O candidato de En Marea-Compromiso por Europa, Xoán Hermida, reivindica a participación nunha cita electoral «fundamental para frear o proceso de autodestrución democrática e social que sufre Europa. As políticas de axuste cos países do sur e os sectores máis vulnerables propiciaron unha crise democrática, un sufrimento para a poboación e a auxe do populismo, especialmente perigoso no caso da extrema dereita», destaca o candidato. Que apela á necesidade de aportar alternativas para a construción dun novo modelo europeo centrado na xustiza social, no ecoloxismo, no pacisfismo e no feminismo.

«A idea de Europa ten sido atrapada nunha dinámica involucionista de movementos de burócratas e xestores ligados a intereses de grandes corporacións». Unhas dinámicas que están a propiciar políticas deseñadas de costas ás persoas. «Unha deriva onde os dereitos económicos teñen primado sobre os dereitos políticos e sociais. Fronte a iso, dende En Marea temos un Compromiso con Europa, un compromiso coas persoas e coa defensa dos seus dereitos, que non poden ser vulnerados polos dos mercados», tal e como reivindica Hermida.

Defensa das pensións en Barcelona

Pola súa banda, a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, participou este venres no acto de peche da VI Asemblea da Marea Pensionista de Catalunya. Un foro no que a eurodeputada se comprometeu a seguir traballando na defensa dun sistema de pensións público e suficiente para garantir condicións de vida dignas a todas as persoas, unha vez rematada a súa vida laboral. «Viñémolo repetindo unha e outra vez neste mandato durante o debate no Parlamento Europeo do Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), ao que nos opuxemos totalmente co noso voto en contra. Non podemos admitir que as nosas pensións dependan da capacidade de aforro que teña cada persoa. Os sistemas de pensións públicos e as pensións dignas deben ser garantidas a través dos orzamentos públicos. E seguiremos traballando para botar abaixo o mercado europeo de pensións privadas e para que desde as institucións europeas se poñan instrumentos para que se garanta que ningunha persoa ao rematar a súa vida laboral entre na pobreza. Iso é inadmisible», asevera Senra.

Anuncios