Gondomar atrasa unha hora o Desfile-Concurso de Comparsas

FOTO: PEPE COSTAS

O Concello de Gondomar vén de informar que a celebración do Desfile-Concurso de Comparsas e Carrozas de Entroido atrásase unha hora. Así, será ás 17:00 horas cando o actor e modelo Miguel Vázquez, acompañado do Alcalde, Paco Ferreira, e a Concelleira de Cultura e Xuventude, Nuria Lameiro, proceda á lectura do pregón na Praza do Concello. A continuación, as 15 comparsas inscritas chegadas de Gondomar, Nigrán, Vigo e Tomiño percorrerán as rúas principais da vila condal, Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz, presentadas pola cantante do Trío Azar.

Unha vez finalizado o percorrido, o xurado, formado por membros dos ámbitos social, artístico e cultural e presidido polo alcalde Paco Ferreira, anunciará as comparsas premiadas. A gañadora levará 900 €, a segunda 700 € e a terceira 500 €; ademais entregaranse 6 axudas de 300 € para as seis seguintes clasificadas e 200 € ás restantes. A festa continuará amenizada con verbena nocturna a cargo do grupo musical Trío Azar na mesma Praza do Concello.