Anuncios
Ticker de novas

“Cun As na Manga” de Mañufe gaña o Concurso de Comparsas de Nigrán

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // A comparsa "Cun As na Manga" da Asociación de Carnavales de Mañufe.

O Concello de Nigrán arrancou este sábado a programación de Entroido co concurso de comparsas no centro do municipio. Finalmente foron 11, das 13 inscritas, as comparsas que percorreron a rúa Rosalía de Castro desde o cruzamento con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, ante un público entregado a pesar do orballo que acompañou practicamente todo o desfile, presentado por Dj Kokito.

Cada unha das comparsas actuou á altura da Casa Consistorial, onde o xurado, formado por Olalla Fernández, Mª del Carmen Rey, Manuel A. Álvarez, Miguel Rodríguez e José Fernández, avaliounas. Ao finalizar, a festa continuou cunha gran verbena ata a medianoite a cargo do Trío Azar.

Os 600 euros do primeiro premio foron para “Cun As na Manga”, da Asociación de Carnavales de Mañufe. O segundo, de 500 euros, recaeu na comparsa “Vinciocas e o seu Chocolate Wonka”, da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios. E o terceiro premio, de 400 euros, foi para “Fantaxeando”, de O Millor de Cada Casa, tamén de Vincios.

A comparsa “Mar de Neptunia”, do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, ocupou o cuarto posto, con 350 euros. O Centro Cultural Parada do Miñor levou o quinto premio, de 300 euros, con “Caníbales”. O sexto premio, de 250 euros, foi para “Abran Xogo” da Asociación Comparsa Purpurina.

As demais comparsas participantes recibiron un premio de 100 euros. “Drag Galácticos” de Chegaron os que Faltaban, de San Andrés de Comesaña (7º); “Vermesunión” da Asociación de Veciños A Unión de San Pedro da Ramallosa (8º); “Chegou, viu e venceu” de A Tropa do Cruxeiro, de San Miguel de Oia (9º); “Domingo Neghro, Nighrán en Verde” da ANPA Alborés do CEIP Humberto Juanes (10º); e “Parroquias Nigrán” da Asociación As Balearas (11º).

O Entroido continúa en Nigrán

Os actos continúan o luns 12 coa celebración do Entroido infantil a cargo de Volvoreta e Voltereta desde as 17:00 horas e, o sábado 17, cun baile para maiores desde as 18:00 horas coa música en directo do trío Armonía. Ambas as dúas actividades celebraranse no Auditorio Municipal e servirase unha merenda.

O Entroido finaliza o sábado 24 en Nigrán co tradicional enterro do Kiko que, este ano, volverá partir ás 18:00 horas desde o Concello ata a parroquia de Parada tirado por un carro de bois. Desde as 19:00 será velado na praza da Igrexa. Trátase dunha actividade cultural organizada xunto ao Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, artífice desta tradición.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios