Anuncios
Ticker de novas

Peitieiros celebra o Entroido coa Baixada do Tourón da Paraguda

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // O Tourón no Desfile de Comparsas de Gondomar.

O Centro Cultural de Peitieiros celebra un ano máis o sábado de Entroido, hoxe día 10 de febreiro. Continuando coa tradición iniciada no 2013, volverá baixar o Tourón da Paraguda. Esta figura foi creada con vocación de permanencia e co obxectivo de animar o Entroido de Peitieiros e Gondomar.

O Tourón chegará ao Adro ás 18:30 horas despois de visitar os barrios da parroquia. Haberá festa de disfraces e xogos, concurso de sobremesas e merendola. Ás 20:30 horas a comparsa Esensias O’Liosas de Peitieiros interpretará a súa Copla de Entroido.

O Tourón, como lle chaman en Peitieros ao teixugo, é un animal omnívoro que vive no monte e ás veces se alimenta de cultivos, motivo polo que pode chegar estragalos. Existen rexistros fotográficos de captura do animal posibelmente no monte da Paraguda, o pico máis alto do monte Matalagartos, que está sobre a parroquia de Peitieiros. Ao redor deste feito a Directiva do Centro Cultural propón unha festa na que non faltarán as coplas e que percorrerá a parroquia nesta tarde de sábado de Entroido, e o domingo 11, o Tourón baixará a Gondomar durante o desfile de comparsas.

Anuncios