Anuncios
Ticker de novas

Unanimidade en Baiona para solicitar a eliminación das peaxes na AG-57

O Pleno de Baiona celebrado este xoves aprobou por unanimidade unha moción de PP, PSOE, BNG e EU solicitando a gratuidade da autoestrada do Val Miñor. Tras a supresión da peaxe na AP-9 entre Redondela e Vigo tras case dúas décadas, desde o consistorio baionés reclaman de novo unha vella demanda na comarca, realizada xa a principios do 2009, aprobada por aquel entón tamén por unanimidade.

A Corporación de Baiona considera que a gratuidade da AG-57 mellorará a mobilidade dos cidadáns dos distintos municipios do Val Miñor e as comunicacións periféricas, favorecendo ademais o crecemento comercial. Servirá ademais para mellorar os accesos ao polígono de Porto do Molle e o hospital Álvaro Cunqueiro.

“A eliminación das peaxes supoñería un gran avance e significaría algo moi necesario para o día a día dos veciños da comarca, permitindo unha alternativa a 50.000 veciños”, sinala a moción. Así mesmo, destaca que “axudaría a desconxestionar en momentos puntuais o tráfico e gañar en seguridade nos momentos de máis afluencia na comarca, xa que no verán chégase a triplicar o número de habitantes e colápsanse as estradas”.

Tras o acordo no Pleno, o Concello de Baiona dirixirase á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para solicitar a supresión inmediata e definitiva da peaxe da AG-57.

Anuncios