Anuncios
Ticker de novas

O Pleno de Baiona apoia a moción de SOS Mosteiro en defensa do cenobio de Oia

FOTO: SOS MOSTEIRO // Mosteiro de Oia.

O Pleno do Concello de Baiona aprobou este xoves por unanimidade unha moción do Partido Popular, BNG e Esquerda Unida na que mostra o seu apoio a SOS Mosteiro na defensa do cenobio de Oia.

MOCIÓN

SOS MOSTEIRO, plataforma en defensa do Mosteiro de Oia, formada por veciñas e veciños de Oia, testemuñas do continuo deterioro do cenobio, cansos das mentiras dos propietarios e fartos de ver como se especula co patrimonio cultural, vémonos na obriga de denunciar -ao abeiro do disposto no artigo 5.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia-, a lamentable situación na que se atopa o Conxunto Histórico Artístico do Mosteiro de Oia.

Declarado BEN de INTERESE CULTURAL (B.I.C) no ano 1931, o seu estado pódese cualificar de ruinoso, estado evidente, xa que o seu actual propietario impide as visitas públicas por cuestións de seguridade. A situación de parálise en canto a rehabilitación, aumenta exponencialmente o seu deterioro, e pon de manifesto o incumprimento da LEI DO PATRIMONIO CULTURAL DE GALICIA (LPCG) por parte do propietario na obrigación de protexer e conservar o patrimonio cultural galego (Artigo 32 LPCG).

No ano 2004, o mosteiro pasa as mans da “Vasco Gallega de Consignaciones” actual “Kaleido Ideas & Logistics”, no ano 2005 crean o proxecto “Residencial Monasteiro de Oia”. Nestes últimos anos evidenciase un mínimo de interese pola conservación do propio mosteiro a expensas do pelotazo urbanístico que hai de fondo. Os diferentes bandazos entre o propietario e as diferentes administracións leva a unha parálise e unha situación de bloqueo total.

Dende un comezo o proxecto que se intentou levar a cabo no Mosteiro e na súa contorna careceu das garantías suficientes de respecto polo Conxunto Histórico Artístico, e non considerou o disposto nas diferentes leis sectoriais. A falla dun servizo de abastecemento municipal e unha defectuosa rede de saneamento con capacidade para cubrir as necesidades dun proxecto de tal magnitude, pon en evidencia a viabilidade dun proxecto que alomenos amose un mínimo de respecto polo entorno. Todos estes atrancos fan de Residencial Mosteiro de Oia un proxecto insostible e imposible.

O enquistamento na que está sumida a día de hoxe a desexable solución para poder ver axiña a rehabilitación do noso patrimonio monacal, chegou a unha situación límite non so, e fundamentalmente, pola máis que importante situación de deterioro arquitectónico, senón tamén pola sorprendente reclamación xurídico-patrimonial que o propietario do cenobio (Residencial Monasterio de Oia) lle presentou ó Concello en cuestión de falsas perdas económicas pola suposta inacción administrativa da Entidade Local, un exemplo máis do maltrato ós veciños e o Concello de Oia.

Tras varios propietarios e proxectos frustrados, despois de 13 anos perdidos e ante imposibilidade por parte do actual propietario de salvar e por en valor o Mosteiro de Oia, ponse de manifesto unha única vía factible para a protección e o desfrute do noso mosteiro por parte de toda a veciñanza e todos os cidadáns, a expropiación e rehabilitación por parte das administracións competentes.

Despois do exposto SOS Mosteiro, SOLICITA ao pleno do concello o debate e aprobación das seguintes propostas:

Primeiro.- Apoio expreso á plataforma S.O.S. MOSTEIRO e o seu manifesto.

Segundo.- Que poña en coñecemento ante as administracións competentes o incumprimento por parte do propietario da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Terceiro.- Que o Concello de Baiona traslade a Xunta de Galicia o Acordo Plenario respecto da Moción e inste a Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o cumprimento do artigo 51 da Lei 5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Anuncios