Anuncios
Ticker de novas

“Non podemos recoñecer como axeitados uns orzamentos que carecen dunha política activa”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Baiona.

Durante o Pleno Municipal celebrado no día de hoxe o Goberno Municipal do Partido Popular presentou e aprobou unha proposta de orzamentos para o exercicio 2018 que non contou co apoio do Bloque Nacionalista Galego, por diversas razóns.

“Non podemos recoñecer como axeitados uns orzamentos que carecen dunha política activa e de promoción de acceso á vivenda, tendo dúas parcelas municipais con potencialidade real para dedicalas a tal fin e contando con multitude de vivendas inhabitadas, en estado de abandono ou en ruínas, como pode extraerse do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico”, sinala Xosé M. Marcote.

O Goberno Municipal volve en emprego a descartar a partida de becas de formación, “eliminadas pola incapacidade de xestión do equipo de goberno, que as usou de forma irregular para ter traballadores a baixo custo”, e segundo o BNG, falta unha política activa e de promoción do patrimonio e a cultura. “Seguen a pasar os anos e a antiga batería de Silleiro está completamente abandonada e sen iniciativa de que isto cambie”.

Para os nacionalistas Baiona posúe un potencial arqueolóxico extraordinario que se esquece permanentemente e unha riqueza natural na Serra da Groba que non se promociona. “Toda promoción do patrimonio e cultura deste goberno baséase en festas e festexos e campos de golf”.

“Outro ano máis seguimos sen entender o reiterativo incumprimento dun acordo plenario, non destinando partida algunha ao fondo galego de cooperación internacional. Uns simples 2.000 € ou o que é o mesmo un 0,00023% do orzamento. O compromiso acordado incluía unha suba progresiva desta dotación até acadar o 0,7 % dos orzamentos de cada exercicio”.

Segundo Marcote, o Goberno Municipal adolece de falta de políticas activas en educación. Cuestións chave para as nais e pais de Baiona coma os comedores escolares ou o transporte seguen ser ter solución, iniciativas ou ideas por parte do Concello de Baiona.

“Comprobamos, unha vez máis, que a única liña de actuación deste goberno é a da política pasiva. Unha política baseada unicamente en cobrar impostos para pagar unha deficitaria xestión (proxecto campo de golf, aparcadoiro do Aral) e unhas inversións sostidas practicamente pola achega da Deputación”.

Así mesmo, o BNG solicitou en senllos rogos que se inicie un período de contactos coa Comunidade de Montes de Santa María de Afora para valorar a posibilidade de facer público e transitable o camiño das Maclas, demanda que xa tivera presentado na lexislatura pasada en forma de moción, pero que o Partido Popular segue sen abordar.

Tamén a través dun rogo reclamouse que se tomen as medidas necesarias para garantir a saúde dos veciños e veciñas do Barrio do Chaparral e se lle dea solución á presenza masiva e incontrolada dos gatos abandonados na zona.

Finalmente, na aprobación consensuada da demanda de gratuidade da AG-57, o BNG fixo valer as súas xestión e demandas previas ao respecto, tendo en conta que non só presentou iniciativas solicitando o estudo para o rescate e gratuidade da AG-57, senón tamén da AP-9, mesmo Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego, realizara unha visita ao Val Miñor para coñecer de primeira mans as demandas da comarca a este respecto, levando a mesma á Comisión correspondente no Parlamento Galego, onde o Goberno do Partido Popular opúxose incluso a propoñerse realizar un estudo de viabilidade para rescatar a concesión e considera a súa gratuidade.

Anuncios