Anuncios
Ticker de novas

Baiona pedirá explicacións á Deputación se non saen imaxes do municipio en Masterchef

A polémica suscitada pola presenza de Masterchef na comarca chegou este xoves ao Pleno de Baiona. O novo portavoz do Grupo Municipal Socialista, Carlos Gómez, pediu explicacións ao alcalde sobre a súa ausencia na gravación do programa de Televisión Española, realizada no Parador de Turismo. O alcalde, Ángel Rodal, fixo un pormenorizado resumo dos acontecementos.

“A concelleira de Turismo infórmame de que un programa de primeiro nivel como Masterchef quere vir ao Parador de Baiona. Eu como alcalde pregunto canto nos vale esa xestión e eles trasládannos unha cantidade moi elevada, estudámola, entendemos que non a podemos asumir e dicimos que non. Aínda poñendo a cantidade eles dinnos que hai confidencialidade e non é político, ou sexa, segredo absoluto e que aínda que se puxese diñeiro non era un tema político, o alcalde non ía ir aí, pagas porque se fai publicidade do teu pobo”, comezou a debullar Rodal.

“Pasan uns días e vólvenos a chamar a produtora para dicirnos que o fan igual. Estupendo, non gastamos diñeiro e volven facelo en Baiona. Estou en Fitur presentando Villas Marineras e a Arribada, e o deputado de Turismo, Santos Héctor, trasládame que alí mesmo chegaron a negociacións cando xa estaba todo pechado, porque a concellería de Turismo estivo a traballar mes e medio no tema. Eles poñían o diñeiro e obviamente ían saír imaxes de Nigrán e de Gondomar”.

Segundo continúa o relato do alcalde baionés, cal foi a súa sorpresa, que se decata que alí estaba Juan González, rexedor de Nigrán, “sorprendente”, afirma, á vez que advirte que como non se vexan imaxes de Baiona pedirá explicacións á Deputación de Pontevedra, “porque o evento fíxose en Baiona, e a Deputación ten que divulgar o patrimonio turístico, etnográfico ou o que queiramos de todo o municipio”.

“Que o tema eran os incendios, estupendo, sabemos que o punto crítico sobre todo foi o municipio de Nigrán porque por desgraza houbo dúas mulleres que faleceron, pero tamén houbo incendios en Baiona e incendios en Gondomar. De feito saben a postura do alcalde Paco Ferreira”, lembrou Rodal. “O normal sería que estivésemos os tres alcaldes, pero como mínimo o do concello no que se grava”.

Rodal asegurou que Santos Héctor pediu perdón por non convidar ao alcalde, “pero claro, non o convidou porque non organizou o evento el, senón o alcalde de Nigrán, no noso territorio. Esta é a realidade, nin máis nin menos”.

“Espero que nas imaxes salga Baiona, non máis que Nigrán e Gondomar, pero non menos. Só faltaría que se faga un programa en Baiona, no noso buque insignia que é o Parador de Turismo Conde de Gondomar, e que todas as imaxes saian de alá”, concluíu Rodal.

Anuncios