Os food trucks do “Rilla na Rúa” volven a Nigrán

A feira gastronómica itinerante “Rilla na Rúa” volve a Nigrán despois de dous anos de parón. Desde este venres ata o vindeiro luns festivo, once food trucks con diversas propostas gastronómicas ocuparán o Paseo da Ramallosa. Ademais, durante os catro días haberá distintas actividades pensadas para todos os públicos.

Música en directo, un espazo de market, actividades infantís e a mellor comida rueira son algunhas das propostas que trae “Rilla na Rúa” a Nigrán, unha feira que está considerada unha das máis importantes de street food de España e que hoxe foi presentada polo alcalde de Nigrán, Juan González, xunto a Cristina Dosil (edil de Turismo), Ladislao Alonso (edil de Relacións Veciñais) Jorge Rodal de Elemental Street e Recados Carmen, empresas promotoras do evento, e a artista Señora DJ.

Música en directo de Su Garrido Pombo ou Señora DJ

Ademais dunha ampla oferta gastronómica -con opción para celíacos e veganos- e actividades para toda a familia, o “Rilla na Rúa” programa tamén música en directo. O venres actuará a cantante e compositora galega Su Garrido Pombo; o sábado o grupo “RMS”, de versións dos clásicos do rock and roll; o domingo o dúo “Café con leche”, de versións de temas míticos do pop español. O luns festivo, o fin de festa correrá a cargo de Señora DJ.

“Rilla na Rúa” conta coa colaboración do Concello de Nigrán e Mahou.