
A gala do circuíto Run Run Vigo proclamou este luns no Auditorio Municipal do Concello de Vigo en Praza do Rei aos campións da edición 2017. Recoñecéronse aos podios das catro categorías en xogo, tanto masculinas como femininas.
O nigranés Iván Roade Lago recibiu o seu premio como gañador do circuíto de carreiras vigués, que comezou no mes de abril do 2017 coa Vig- Bay, e incluíu a Happy Go Running, a Carreira da Cereixa, a Nocturna Correndo por Vigo, a Nocturna de San Xoán, a 10K Xornadas Marisqueiras, a Carreira Vigo contra o Cancro, a Vigo +11 e a Subida ao Castro. O runner do Bikila conseguiu a vitoria en catro das nove probas, ademais de dous segundos postos, un terceiro e un noveno.
A gondomareña Mari Carmen Costas Valverde recolleu tamén o seu premio como gañadora da categoría F3 e as baionesas Carmen Costas Rodríguez e Mª Josefa Freire Mosquera como campioa e segunda clasificada respectivamente na categoría F4. Roade recibiu o galardón de mans do alcalde de Vigo, Abel Caballero, mentres que os encargados de entregar os seus recoñecementos ás atletas miñoranas foron Manel Fernández, concelleiro de Deportes da cidade olívica, e Juan González, alcalde de Nigrán.

Na gala tamén se presentou a Run Run Vigo 2018, con oito carreiras: Vig-Bay, Happy Go Running, Carreira da Cereixa, Correndo por Vigo, Carreira de San Xoán, Xornadas Marisqueiras, Vigo+11 e Vigo contra o Cancro.
RELACIÓN DE CAMPIÓNS 2017
Categoría Campión / Campioa
M1 (1978-1997) Iván Roade Lago
M2 (1968-1977) Manuel Prieto de la Iglesia
M3 (1958-1967) Carlos Javier Estévez Alonso
M4 (1957 e antes) José Jardón López
F1 (1978-1997) Ester Navarrete Santana
F2 (1968-1977) Ana Alonso Gullón
F3 (1958-1967) Mari Carmen Costas Valverde
F4 (1957 e antes) Carmen Costas Rodríguez