Sin categoría

Máis de 600 persoas participarán no concurso de comparsas que abre o Entroido de Nigrán

O Concello de Nigrán arranca o sábado 10, co tradicional concurso de comparsas, a súa programación de Entroido, que inclúe actividades para nenos e maiores ata o sábado 24 de febreiro, cando se celebrará o enterro do Kiko.

Coma os dous anos anteriores, o concurso será pola noite e percorrendo o centro do municipio, participando nel 611 integrantes de 13 comparsas de Nigrán (5), Gondomar (4), Tomiño (2) e Vigo (2). Así, a partir das 20:00 horas, percorrerán a rúa Rosalía de Castro (á beira do Concello) dende o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará. Tras o desfile a festa seguirá na Praza do Concello, onde ao rematar haberá unha gran verbena popular ata a medianoite a cargo do grupo Azar. Dende este día, o Kiko do Centro Cultural e Recreativo de Parada quedará exposto no Auditorio Municipal.

Os actos continúan o luns 12 coa celebración do Entroido infantil a cargo de Volvoreta e Voltereta dende as 17:00 horas e, o sábado 17, cun baile para maiores dende as 18:00 horas coa música en directo do trío Armonía. Ambas actividades celebraranse no Auditorio Municipal e se servirá unha merenda con doces típicos destas datas.

O Entroido finaliza o sábado 24 en Nigrán co tradicional enterro do Kiko que, este ano, volverá saír a partir das 18:00 horas dende o Concello ata a parroquia de Parada tirado por un carro de bois. Dende as 19:00 será velado na praza da Igrexa. Trátase dunha actividade cultural organizada xunto ao Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, artífice desta tradición.

«Programamos un Entroido no que teñan cabida todos os públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores, ademais, queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do enterro do Kiko, ao que lle daremos o sábado 24 total protagonismo», explica o alcalde, Juan González.