Baiona estrea novo carril bici no Paseo de Alfonso IX

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Novo carril bici no Paseo de Alfonso IX.

O Concello de Baiona finalizou as obras do carril bici que comunica o parque da Palma coa rúa Alférez Barreiro, tramo no que non existía e supoñía un trastorno e un risco para os ciclistas que tiñan que saír á estrada, ademais do perigo que corrían os viandantes cando se cruzaban coas bicicletas polo Paseo de Alfonso IX.

Con esta obra, ademais de mellorar a seguridade e accesibilidade, cámbiase a estética, axardinando unha zona que era maioritariamente gris, combinando sebes boj que separan a liña da estrada e o carril bici, e céspede, cunha liña arborizada de metrosideros, que son o suficientemente esveltos para convivir cos ciclistas. Ademais de dar o toque de cor con xardineiras de flores.

Con esta obra, Baiona adáptase á liña que seguen as urbes europeas en dotación de servizos medioambientalmente sustentables e saudables, fomentando o uso da bicicleta sobre o coche, podendo gozar ininterrompidamente do carril bici desde Baredo a Sabarís, nunha contorna privilexiada como é a costa baionesa.

Ademais desta obra, desde Medio Ambiente están a colocarse plantas de tempada en xardíns e rotondas, sendo estes un referente na comarca.

A edil responsable de Medio Ambiente, María Iglesias, sinala que este obra permite no mesmo espazo compatibilizar o deporte cunha zona de paseo cunha estética e agradable para realizar actividades de lecer.

“A aposta polas zonas verdes e axardinadas incrementouse de forma notoria nos últimos anos, apostando desta maneira por superficies coidadas e embelecidas mellorando notablemente os espazos públicos”, sinala así mesmo a concelleira.

2018-02-02 - IMG-20180202-WA0002 - copia