Este mércores déronse a coñecer en Baiona os gañadores do concurso “VindeTapas, As Cociñas do Pergamiño Vindel”, celebrado desde o 12 ata o 21 de xaneiro, unha iniciativa da Consellería de Cultura para diversificar as actividades relacionadas co Pergamiño Vindel e involucrar aos concellos da ría de Vigo.
A mellor tapa para o público foi “Codorniz cortesana” de Taberna A de Sabas, mentres que “Pan-tajo” do Parador de Baiona e “Judías!” de La Micro ocuparon a segunda e terceira posición respectivamente.
A mellor tapa do xurado, e que por tanto irá á final que se celebrará en Vigo no mes de marzo, foi “Pan-tajo” do Parador de Baiona. “Judías!” de La Micro resultou ser a segunda clasificada e “Companagio de cordero sobre rodea de avena” de Ecoadega a terceira.
Durante o acto, celebrado na sede de Aceba, tamén se realizou o sorteo dos premios para o público participante. Todos aqueles comensais que probaron algunha das creacións e cubriron a papeleta correspondente coa súa puntuación participaron no sorteo dunha cea para dúas persoas en Taberna A de Lino (Moaña), un circuíto termal para dúas persoas en Talaso Atlántico (Oia), unha cea para dúas persoas en Talaso Atlántico (Oia), dous lotes de Galicia Calidade, un lote Nordesía Vermú e un lote Vía Romana.
Os que completaron o pasaporte, degustando todas as tapas participantes, optaron aos seguintes premios: unha noite para dúas persoas nun establecemento de Galicia Calidade, un fin de semana en Talaso Atlántico (Oia) e unha noite para dúas persoas en Cabaña de A Fraga de Lino, con capacidade para 4 persoas (Moaña).
“As cociñas do Pergamiño Vindel” quería unir cultura e gastronomía, a través duns concursos de tapas nos que se querían recuperar moitos dos ingredientes utilizados durante o século XII e XIII, pero sobre todo expondo o reto de non utilizar alimentos que chegaron ás nosas terras tras a conquista de América. Isto, sen dúbida, foi o que máis animou aos participantes, e tamén o feito de ser unha pequena parte da importante historia do pergamiño e a súa presenza nas nosas terras. Elaborar tapas sen elementos tan habituais na nosa gastronomía como o tomate, pataca, pemento, pemento ou o millo. Traballar con técnicas como os escabeches, salgaduras ou afumados. Todo iso fixo que o propio público sentise a curiosidade de probar unhas tapas diferentes. O paspallás, os escabeches, a caza, o porco, a sardiña, o bacallau ou cereais como o mixo foron grandes protagonistas nas edicións de Baiona e Redondela.
En Baiona foron nove os establecementos que participaron na iniciativa, coas tapas “El petate de Colón” (Central Park), “Tosta gastrobar” (A Queimada), “Judías!” (La Micro), “Companagio de cordero sobre rodea de avena” (Ecoadega), “Pan-tajo” (Parador), “Escabeche ahumado de ave de corral” (La Crep), “Sardina ahumada con confitura de ciruela” (O Recuncho do Mariñeiro), “Codorniz cortesana” (A Taberna A de Sabas) e “Oreja con coles” (Restaurante Monterrey).
As próximas citas serán as de Cangas do 2 ao 11 de febreiro e Vigo do 9 ao 18 de febreiro.
Datos do concurso
Máis de 5000 tapas vendidas durante os 10 días de duración do concurso entre os dous concellos, en pleno mes de xaneiro, son datos moi positivos. Xerando máis de 12.000 € en consumo nestas datas e un importante movemento de público. A isto hai que engadir un gran seguimento en redes sociais e participación do público, e ao redor dos 800.000 impactos en Twitter como exemplo. 18 locais participantes, entre os que existe unha gran satisfacción non só polos ingresos, que como ben din eles neste caso é o de menos, senón por formar parte das accións que a Xunta de Galicia está a realizar ao redor do Pergamiño Vindel.
Destacar tamén o alto grao de colaboración de Aceba Baiona e a asociación de empresarios de Redondela, envorcados co concurso. E tamén das entidades colaboradoras como Galicia Calidade, Talaso Atlántico, Nordesía Vermú Galego, Adegas Vía Romana, Taberna A de Lino e Cabañas A Fraga de Lino colaborando cos premios e participando no xurado. E os membros do xurado Xoanqui Ameixeiras, Emilio Vila de Cocina& Go, Andrea Gabián “Lady Compostela”, Regina Guerrero de Nordesía e Lino Fervenza de Taberna A de Lino.










