Vincios leva o terceiro premio e o primeiro de abandeirados no I Concurso de Rondallas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Vincios no I Concurso de Rondallas.

A rondalla porriñesa de Pontellas gañou este domingo o I Concurso de Rondallas, organizado pola Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, co patrocinio da Xunta de Galicia.

Este grupo, vencedor da última edición do concurso de rondallas, celebrado no 2015, e un dos que espertou maiores ovacións na tarde, recibiu o premio de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e representantes dos municipios aos que pertencían as rondallas participantes, entre eles os alcaldes de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González.

O segundo premio conseguiuno a rondalla de Santa Eulalia de Mos, e en terceira posición a rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios, quinta no 2014 e cuarta no 2015.

A rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios gañou tamén o primeiro premio de abandeirados, que xa conseguira no 2014 e no 2015. En segunda posición situouse a rondalla de Santa Eulalia de Mos e o terceiro posto foi para Pontellas do Porriño.

O conselleiro de Cultura agradeceu á Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, como impulsora e organizadora do evento, “o seu labor a favor de que unha tradición de forte arraigamento perviva entre as futuras xeracións, unha tarefa na que contará con todo o apoio por parte do goberno da Xunta de Galicia”.

“As rondallas son un modo de expresión musical que forma da tradición cultural de Galicia e, especialmente, da comarca de Vigo. Precisamente esta tarde na cidade da oliveira puidemos gozar -xunto con centos de asistentes- dunha fantástica exhibición do traballo que con todo o agarimo fan un conxunto de mulleres e homes ao longo do ano”, concluiu Rodríguez.

O I Concurso de Rondallas contou cunha participación de dez grupos, que sumaban case 1.000 participantes. A rondalla da Asociación Cultural de Herville (Mos), con 70 compoñentes; a rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín (Gondomar), con 80 compoñentes; a rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios (Gondomar), con 120 compoñentes; a rondalla do Club Santiaguiño de Guizán (Mos), con 65 compoñentes; a rondalla do Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valladares (Vigo), con 60 compoñentes; a rondalla da Asociación Cultural e Musical de Pontellas (O Porriño), con 105 compoñentes; a rondalla Santiago de Parada (Nigrán), con 70 compoñentes; a rondalla do Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade (Vigo), con 60 compoñentes; a rondalla do Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos, con 115 compoñentes; e a rondalla do Centro Cultural de Torroso (Mos), con 86 compoñentes.

Os máis de 7.500 asistentes que abarrotaron o IFEVI chegados de distintos municipios da provincia gozaron das coreografías e o repertorio que ofreceron as rondallas durante os 12 minutos dos que dispoñen para a súa actuación. Puidéronse escoitar versións de temas tradicionais e grandes éxitos de onte e hoxe, o “Despacito”, “Me emborracharé”, “Hey Jude”, “Paint It Black”, “YMCA”, o máis coñecido de Mecano ou Os Pallasos da Tele, ademais de imprescindibles bandas sonoras, como “Braveheart”, “Piratas del Caribe” ou a marcha imperial de “Star Wars”.

A cantante Erika Lewis, os bailaríns Patricia Pérez e Cristian Álvarez e a Escola Dance Academy amenizaron a xornada como artistas convidados durante a deliberación do xurado, arrancando os aplausos dun público que aguantou, entre aclamacións e ovacións, máis de tres horas de concurso.

O xurado de abandeirados estivo formado por un membro de cada rondalla, mentres que o xurado profesional compoñíano Ernesto Campos, compositor de música galega, arreglista de gaita e guitarra; Marcos Campos, mestre de gaita, director das bandas de gaitas Xarabal, Manxadoira e Carballo da Manteiga; Paula Sotelino, presidenta da agrupación folclórica Lembranzas Galegas; e Lucas Alonso, director do conservatorio de música Mayeusis e director de corais.

Dous anos máis de Concurso de Rondallas

Tras a cancelación do Certame de Rondallas por parte do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia garante o seu apoio estratéxico e plurianual para a celebración do Concurso de Rondallas no Recinto Feiral de Vigo, que organiza a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará con 90.000 euros ata o ano 2020 a celebración deste evento e, por tanto, a súa continuidade no tempo, recuperando ademais o formato de concurso, eliminado cando o Concello de Vigo fíxose cargo da organización no 2016 tras 34 anos en mans da Deputación de Pontevedra.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.