A moción presentada polo grupo municipal de Nigrán Decide, que se debaterá no pleno deste xoves, sobre a prevención e a actuación en caso de lumes forestais, foi ditaminada favorablemente coas abstencións do Partido Popular, BNG e UCN.
Na moción reclámase ao goberno que elabore un Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais e un Plan de Emerxencias Municipal en Nigrán.
Estes plans son obrigatorios para os Concellos de máis de 20.000 habitantes e, aínda que Nigrán non alcanza esa cifra, está próxima, e existen períodos, especialmente na época estival, na que se supera con creces dita poboación. Ademais, en Nigrán desenvólvense numerosas actividades para as que é necesario a elaboración de Plans de Autoprotección que deben estar integrados en dito plan.
O plan municipal de emerxencias non se circunscribe aos incendios forestais, abarcando todas as situacións de emerxencia que poden acontecer, como outro tipo de incendios, emerxencias derivadas de aglomeracións de persoas ou accidentes graves. O Plan analizará todas as situacións e os recursos existentes para facerlle fronte, así como cal debe ser a actuación máis eficaz para combatelas.
Neste plan integrarase Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, no que se teñen que definir as franxas nas que se debe actuar sobre a biomasa para protexer a poboación rural de Nigrán ante un incendio forestal.
“Estas son razóns máis que suficientes para que, aínda que non sexan obrigatorios, o Concello elabore ditos plans”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, “pois ante unha situación de emerxencia deben estar planificadas a maioría das circunstancias que se poidan producir para non actuar con improvisación e a boa fe, pero sen unha análise rigorosa da situación”.
O Concello ten que actuar de oficio na xestión das franxas de protección
Por último na moción se lle pide ao goberno que exerza as súas competencias na limpeza de biomasa e na xestión de especies arbóreas pirófilas nas franxas de protección.
“Cómpre que esta competencia a exerza o Concello de oficio mediante un control e unha vixilancia e non espere a actuar ás denuncias da veciñanza”, finaliza Cuevas.

