Tras coñecerse que unha Resolución da Inspección de Traballo e Seguridade social, do 10 de xaneiro, constata a existencia de praceiros que non estaban dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou por Conta propia na Praza de Abastos de Gondomar, e que existían acordos de cesión entre persoas que detentaban unha concesión e novos praceiros, o alcalde, Paco Ferreira, pronúnciase ante as declaracións do concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo, nas que lembraba que co proceso de adxudicación que a súa Concellería puxo en marcha tería dada legalidade a todos os actuais praceiros e aos novos solicitantes.
Segundo Ferreira, a paralización da licitación de adxudicación dos postos fíxose seguindo as indicacións do secretario municipal por vulnerar o principio de igualdade e deixar un posto fóra da licitación. “Os pregos foron redactados polo concelleiro de Comercio Sr. Araúxo, deixando intencionadamente un posto fóra sen licitar. Iso non se pode facer, por iso paralicei o procedemento de licitación, porque vulneraba o principio de igualdade”.
O rexedor asegura ademais que se falta á verdade cando se di que os praceiros quedaban todos legalizados co procedemento aberto polo concelleiro. “Para nada, era un concurso público e valorábase a experiencia do comerciante en calquera praza de abastos do mundo (daba igual en Baiona, Tomiño, Madrid, etc.). Iso é así, pode facerse, pero que non se diga que os praceiros quedaban todos regularizados porque iso non é certo”.
Ferreira considera tamén “curioso canto menos” que se presenten “dous inspectores de traballo a fiscalizar todo”, cando segundo lembra “nunca ninguén inspeccionou a praza”, e afirma que o novo proceso de adxudicación está a levarse a cabo de acordo ao establecido no Regulamento de Mercados aprobado por unanimidade no pleno da corporación no ano 2013. “O que crea que devandito regulamento non é legal que o denuncie no xulgado. É máis, todo o proceso está a ser levado e supervisado escrupulosamente por técnicos municipais”.
O alcalde defende ademais que “os praceiros non están ilegais como se di, están aí ocupando postos e pagando mensualmente un aluguer ao Concello, por un posto de venda ao público adxudicado por resolución de alcaldía asinada por alcaldes anteriores a min (eu no meu mandato non adxudiquei nin aluguei ningún posto por resolución)”.
Finalmente, Ferreira incide en que “a lei é para todos igual, e a regularización dos praceiros está contemplada no Regulamento de Mercados do 2013, baixo o goberno anterior do PP aprobado nun Pleno Municipal por todos nós, axustado a dereito e vixente”.
“No meu goberno non permitirei nin arbitrariedades, nin inxustizas, nin licitacións irregulares, nin persecucións, só legalidades”, conclúe Ferreira.

