Sin categoría

O Trofeo Infinitus Rent regresa a Baiona co Miudo e o Cansino na cabeza

Mañá sábado regresa a Baiona o Trofeo Infinitus Rent cos portugueses do Miudo e os galegos do Cansino empatados a puntos no máis alto da clasificación. A competición de monotipos J80 organizada polo Monte Real Club de Yates vivirá a súa segunda xornada a partir das tres da tarde na baía baionesa cunha previsión meteorolóxica que se anuncia perfecta para regatear.

Se se cumpren os prognósticos, o vento de entre 6 e 10 nós de compoñente norte permitirá a celebración das tres mangas previstas polo comité de regatas. Tres percorridos barlovento sotavento cos que os barcos que van na cabeza tratarán de ampliar as distancias co resto da frota.

Tras as dúas regatas de apertura, Miudo e Cansino, con Afonso Leite e Fernando Yáñez liderando ás tripulacións, colocáronse no máis alto da clasificación, con 5 puntos cada un. O veleiro coruñés La Galera, de Rosario García, vai de terceiro con 9 puntos, e moi pegados a el, sitúanse o Virazón de Miguel Lago e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero con 10 e 11 puntos respectivamente.

No décimo posto da clasificación sitúase o Okofen de Javier de la Gándara, un dos barcos que se prevé escale posicións nesta segunda xornada, tras perder fol na primeira por mor dunha descualificación.