
O Concello de Gondomar vén de rematar os traballos de limpeza da contorna da Ponte de Mañufe. Tras a eliminación das silveiras, o monumento pétreo é hoxe máis visible. “Aínda falta moito por facer para a recuperación total da ponte e tamén un paseo fluvial polo río ten que ser un feito”, sinalou o alcalde, Paco Ferreira.
Segundo recolle patrimoniogalego.net, de orixe e tipoloxía aparentemente romanas, foi levantada en 1140 no lugar que debeu ocupar unha anterior de orixe romana. Cunha lonxitude total de 42 metros e un ancho de plataforma de 3,20 metros, a ponte conta con 3 arcadas de bóveda de medio punto e está protexida con tallamares por unha banda.
As sucesivas modificacións foron importantes, como o demostra que un pergamiño con inscricións, das que se deduce a data de 1140 d.C., estivese investido así como a característica de alzado de dobre vertente. Podemos pois deducir que esta ponte é bastante anterior á da Ramallosa. Outra pista pode ser que as pontes romanas non adoitaban localizarse nas desembocaduras dos ríos (localización propia da Idade Media) senón máis ben río arriba, o que parece corrobora a súa datación romana.
Sobre esta ponte pasa o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago, que se separa do central en Barcelos e volve a el en Redondela.