O Camiño Portugués da Costa sitúase no terceiro lugar das rutas máis transitadas en Semana Santa

O Camiño de Santiago medrou un 61,34% durante esta Semana Santa con respecto á de 2018, que se celebrara a finais do mes de marzo. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, entre o Venres de Dores e o Domingo de Resurrección recolleron a Compostela un total de 13.969 camiñantes.

De todos eles, a maior parte chegaron a partir do Xoves Santo. En total, nesas catro xornadas, foron máis de 8.000 peregrinos, o que supuxo un 58,41% do total e rexistráronse picos de máis de 2.000 diarios en xornadas como o venres e o sábado.

Durante toda a Semana Santa, a maior parte dos peregrinos procederon do estranxeiro. De feito, o 51,6% dos que recolleron a Compostela entre o venres 12 e o domingo 21 chegaron de fóra de España, destacando especialmente os portugueses, alemáns, irlandeses e estadounidenses.

Esta porcentaxe variou nos días de maior afluencia. Así, a partir do Xoves Santo, foron maioritarios os peregrinos españois, que neses días representaron preto do 52% e procedían maioritariamente de Madrid, Andalucía, Cataluña ou Galicia.

Chegada repartida

Por itinerarios, máis da metade dos peregrinos (un 57,72%) realizaron o Camiño Francés. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, a segunda ruta máis percorrida durante estes días foi o Camiño Portugués, que foi escollida por máis do 23% dos peregrinos.

Destaca tamén o Camiño Portugués da Costa que sobe unha posición con respecto á Semana Santa do ano pasado. En 2019 foi o terceiro itinerario máis percorrido e representou preto do 6% dos camiñantes que realizaron o Camiño de Santiago durante a Semana Santa. Seguíronlle o Camiño Inglés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno.

Anuncios