Inspección de Traballo detecta irregularidades na Praza de Abastos de Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Unha Resolución da Inspección de Traballo e Seguridade social, do 10 de xaneiro, constata a existencia de praceiros que non estaban dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou por Conta propia na Praza de Abastos de Gondomar, e que tras desta actuación tiveron que proceder a regularizar con efectos retroactivos a súa situación.

Moito máis grave é a constatación na Resolución da Inspección de Traballo da existencia de acordos de cesión entre persoas que detentaban unha concesión e novos praceiros, “cousa que atenta contra toda legalidade, e contra da igualdade de oportunidades no acceso a concesións públicas”, segundo o concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo.

“A legalización, seguridade xurídica e a igualdade diante da lei é o noso obxectivo para a Praza de Abastos, un gran motor do comercio local, que sempre quixemos potenciar”, engade Araúxo. “Co proceso de adxudicación que a Concellería de Comercio puxo en marcha tería dado legalidade a todos os actuais praceiros e aos novos solicitantes. Infelizmente o concurso foi “Processus Interruptus” no último día, e a día de hoxe, a situación legal dos praceiros segue no limbo da legalidade”.

“Tal como fixemos co mercado dos sábados, temos a intención de dotar de máxima legalidade a todos os praceiros e adxudicar os vacantes dentro da máis estrita legalidade”, conclúe e concelleiro de Comercio.