Solaina Val Miñor pecha con “Un paseo por Gondomar” a saga “Dedas”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, dá a coñecer “Un paseo por Gondomar”, o broche final da saga “Dedas, o libro que medra” polo Val Miñor. “Un paseo por Gondomar” é un libro infanto xuvenil para visibilizar a riqueza cultural, ambiental e arqueolóxica de Gondomar.

Unha historia envolta de maxia e experimentos polas dez parroquias de Gondomar destacando os petróglifos, muíños, ríos, pontes e pazos de Gondomar. 108 páxinas a cor que nos presentan a Diego, o pequeno trasno que vive na Casa Peralba, que un día atopou escrito no libro máis vello da biblioteca que no próximo eclipse de lúa un Trasno de Lume virá queimar Gondomar.

“Un paseo por Gondomar” é un libro lúdico e divertido para público familiar que de seguro contará con ese enfoque de protección da natureza que caracteriza á súa autora, a escritora e poeta Soledad García. Está engalanado coas fermosas ilustracións da pintora Laine Villero e o coidado deseño de Natalia Guisande, a deseñadora gráfica. Tres nais emprendedoras cualificadas como a revolución artística do Val Miñor pois a súa andaina pola comarca resulta espectacular.

Solaina ten publicado a saga “Dedas”, o libro que medra polo Val Miñor a través de paseos: “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona”, “A walk in Baiona” na Feira Internacional de Berlín, e pecha co broche do novo libro “Un paseo por Gondomar”. Destaca tamén o poemario “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida” co que homenaxearon ao persoal sanitario e Protección Civil do Val Miñor pola súa encomiable labor durante a pandemia, e o libro “Samagostín” para visibilizar a festa celta do Samaín.

Paco Ferreira expresa que “Un paseo por Gondomar” será un instrumento moi valioso para os colexios da comarca e servirá de base para a realización de actividades medioambientais e turísticas e así reforzar a potencia cultural de Gondomar e hábitos de vida saudables nas dez rutas coas que conta o libro, descargable a través dun código QR. A entrega de “Un paseo por Gondomar” realizarase nun acto moi especial para as nenas e nenos o día do libro, o vindeiro 23 de abril.