Máis de 5.000 “VindeTapas” vendidas en Baiona e Redondela

FOTO: VINDETAPAS // O xurado no Recuncho Mariñeiro.

A iniciativa da Consellería de Cultura para diversificar as actividades relacionadas co Pergamiño Vindel e involucrar aos concellos da ría de Vigo, tivo un destacable éxito. “As cociñas do Pergamiño Vindel” quería unir cultura e gastronomía, a través duns concursos de tapas nos que se querían recuperar moitos dos ingredientes utilizados durante o século XII e XIII, pero sobre todo expondo o reto de non utilizar alimentos que chegaron ás nosas terras tras a conquista de América. Isto, sen dúbida, foi o que máis animou aos participantes, e tamén o feito de ser unha pequena parte da importante historia do pergamiño e a súa presenza nas nosas terras. Elaborar tapas sen elementos tan habituais na nosa gastronomía como o tomate, pataca, pemento, pemento ou o millo. Traballar con técnicas como os escabeches, salgaduras ou afumados. Todo iso fixo que o propio público sentise a curiosidade de probar unhas tapas diferentes. O paspallás, os escabeches, a caza, o porco, a sardiña, o bacallau ou cereais como o mixo foron grandes protagonistas nas edicións de Baiona e Redondela.

As próximas citas serán as de Cangas do 2 ao 11 de febreiro e Vigo do 9 ao 18 de febreiro. Lembramos que de cada concurso, a mellor tapa do xurado irá a unha final que se celebrará en Vigo no mes de marzo. A próxima semana coñeceranse os finalistas de Baiona e Redondela, e tamén cales foron as mellores tapas para o público.

Datos do concurso

Máis de 5000 tapas vendidas durante os 10 días de duración do concurso entre os dous concellos, en pleno mes de xaneiro, son datos moi positivos. Xerando máis de 12.000 € en consumo nestas datas e un importante movemento de público. A isto hai que engadir un gran seguimento en redes sociais e participación do público, e ao redor dos 800.000 impactos en Twitter como exemplo. 18 locais participantes, entre os que existe unha gran satisfacción non só polos ingresos, que como ben din eles neste caso é o de menos, senón por formar parte das accións que a Xunta de Galicia está a realizar ao redor do Pergamiño Vindel.

Destacar tamén o alto grao de colaboración de Aceba Baiona e a asociación de empresarios de Redondela, envorcados co concurso. E tamén das entidades colaboradoras como Galicia Calidade, Talaso Atlántico, Nordesía Vermú Galego, Adegas Vía Romana, Taberna A de Lino e Cabanas A Fraga de Lino colaborando cos premios e participando no xurado. E os membros do xurado Xoanqui Ameixeiras, Emilio Vila de Cociña&Go, Andrea Gabián “Lady Compostela”, Regina Guerrero de Nordesía e Lino Fervenza de Taberna A de Lino.

Anuncios