Cáritas Interparroquial A Groba pon en marcha grupos para maiores en Baredo e Baíña

FOTO: UNIDAD PASTORAL A GROBA // Encontro en Baredo.

O pasado luns 15 de xaneiro comezaron os grupos para persoas maiores de Cáritas Interparroquial A Groba (integrada polas parroquias de Baredo, Baíña e Belesar).

O primeiro grupo en constituírse foi o de Santa María de Baredo, cuxos maiores se reunirán todos os luns de 16:00 a 18:00 no Centro Cultural de Baredo (Lugar Cancelo 36, 36393 Baiona).

No caso da parroquia de Baíña, as reunións comezaron o pasado día 18 e manteranse todos os xoves de 16:00 a 18:00. Reuniranse na Casa das Novenas, anexa á Igrexa de Santa Mariña de Baíña.

En Belesar estase pendente de dispoñibilidade do local e prevese poder comezar en poucos meses.

Estes grupos están pensados para persoas maiores ou xubiladas, pero están abertos a todas aquelas persoas que queiran compartir o seu tempo.

Obxectivos dos grupos para maiores

O obxectivo da creación destes grupos é facer comunidade, crear un espazo de encontro, un lugar onde poder compartir inquietudes, desenvolver actividades varias (manualidades, xogos de cartas, exercicios de memoria, excursións, obradoiros sobre temas seleccionados polos participantes, etc.) e realizar propostas que poidan mellorar a contorna da parroquia e dos seus veciños.

Estes grupos axudan a mitigar a soidade que padecen moitas persoas maiores viven no rural. Os grupos son unha razón para saian de casa e que sintan que teñen un lugar ao que acudir e unha comunidade que lles arroupa.

Esta iniciativa bebe da creación doutros grupos de maiores creados en diferentes parroquias, como a de San Fiz de Nigrán, cuxos resultados puxeron de manifesto o positivo deste tipo de encontros.

CÁRITAS INTERPARROQUIAL PON EN MARCHA GRUPOS PARA MAIORES EN BAREDO E BAÍÑA
FOTO: UNIDAD PASTORAL A GROBA // Encontro en Baíña.
Anuncios